Lúa ConLuvas

luaconluvas


Actividade:   Lúa ConLuvas
Contido:   animación á lectura
¿Para quen?:   público infantil
¿Cando?:   tódolos xoves, entre as 18:30 e 19:30


Volve á biblioteca Lúa ConLuvas, coas súas sesións de contacontos que se celebran todos os xoves na Sala Infantil da Biblioteca do Porriño. O mundo vaise quedar pequeno para esta viaxeira incansable. Esta famosa personaxe, simpática e aventureira , fará as delicias de todos os nenos e nenas que alí se atopen. Dando a volta arredor do mundo vailles a ensinar como viven noutros países, a súa cultura, a súa música, as súas costumes, os seus contos e lendas… Tódalas semanas Lúa ConLuvas volverá á Biblioteca Municipal do Porriño dun punto do mundo. Ide preparando as vosas mochilas para comezar unha viaxe que non ides esquecer !!!

O obxectivo xeral desta actividade é desenvolver nos nenos o hábito lector, de forma que a lectura se converta nunha actividade común nos seus momentos de ocio.

Como obxectivos específicos, destacamos que os nenos descubran o libro fisicamente, iniciándoos de forma paralela na linguaxe da imaxe; que reflexionen sobre os valores e actitudes con experiencias distintas as que viviron eles, ampliando a súa visión do mundo, abrindo a súa mente a outras realidades e culturas, facendo que a lectura lles sirva como estímulo para superar os seus propios problemas. Tamén buscamos desenvolver a capacidade de escoitar, comprender e reter unha mensaxe ou texto oral ou escrito; aumentar o universo léxico e adquirir maior competencia lingüística e comunicativa; valorar os libros como portadores de coñecementos, ademáis de instrumentos que nos transportan a outros mundos e aventuras; ampliar, coñecer e respectar os seus horizontes culturais; estimular o desenvolvemento do pensamento creativo e diverxente; e, por último, coñecer autores e ilustradores do panorama nacional e internacional.

Lúa ConLuvas permite que amplíen a súa visión do mundo

Falando do desenvolvemento da actividade, nun primeiro momento Lúa presenta a sesión, chegando con moita enerxía para contarlles un feixe de historias que non van deixar aos máis pequenos indiferentes.

Logo coñeceremos un país: empregando distintas técnicas artísticas e dramáticas os asistentes coñecerán as aventuras e desventuras de Lúa arredor do mundo. Tódolos xoves terán a oportunidade de viaxar a través das experiencias da nosa aventureira
coñecendo países afastados como Australia ou próximos como Portugal. Coñecerán de primeira man as costumes, a relixión, a historia, a música, a literatura…

En cada sesión haberá unha hora do conto. Lúa vailles a ler un conto relacionado co país visitado, empregando distintas técnicas narrativas para atraer a atención dos cativos. Tamén haberá tempo de algunha lenda, conto clásico…de transmisión oral.

Os rapaces e rapazas poderán escoitar contos e probar froitas exóticas

Co obxectivo de promover unha alimentación saudable, en tódalas sesións haberá un tempo de froita, no que os rapaces e rapazas terán o pracer de probar froitas exóticas como os lichis ou os caquis, tradicionais como as mazás ou de tempada como as cereixas, fresas… sempre buscando a relación co país ao que Lúa viaxou esa semana.

Chega o momento de xogar, a nosa aventureira presentará algunha actividade, manualidade ou xogo que facer cos rapaces. Seguindo as costumes de cada país visitado, levarán un recordo que poderán compartir cos seus amigos. E tamén haberá lugar para as sorpresas, xa que en cada sesión Lúa sorprenderanos con algunha canción, algún obxecto curioso… Nós xa temos a nosa mochila preparada para ir de viaxe con Lúa, e tí?


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s