A Comuniteca

comuniteca


Actividade:   A Comuniteca
Contido:  actividade de formación e entretemento sobre os libros, as historias e a lectura.
¿Para quen?:  unidades familiares (pais, nais, fillos e fillas).
¿Cando?:   venres 14 e 28 de outubro e 11 e 25 de novembro. De 18:30 a 19:30.


 

A comuniteca é unha comunidade construida arredor da biblioteca, dos libros e da lectura. Organizamos este proxecto de animación á lectura para que participen en conxunto pais, nais, nenos e nenas (de 0 a 6 anos) do Porriño. É dicir, trátase dunha actividade de formación e animación á lectura para a unidade familiar, organizada pola biblioteca e a OMIX e levada a cabo por Xerpo.

A comuniteca desenvolverase a través de catro sesións de animación distintas que se celebrarán os venres 14 e 28 de outubro e 11 e 25 de novembro entre as 18:30 e as 19:30 horas. Cada día centrarémonos nun aspecto distinto do mundo da lectura e das historias, e tentaremos que os pais e nais aprendan técnicas e procedementos, mentres que os nenos e nenas se adentren no marabilloso mundo dos libros. Aínda que cada sesión se centrará nun tema distinto, a comuniteca ten un obxectivo común, e culminará cunha actividade final na que poremos en práctica todo o aprendido nas sesións previas.

Tedes que realizar a inscrición previamente e de xeito presencial na biblioteca municipal, para as catro sesións en conxunto.

 Actividade de formación e entretemento para toda a unidade familiar

AS ORIXES DAS HISTORIAS / O CONTACTO COS LIBROS: Na primeira sesión trataremos a orixe das historias e dos libros. Veremos os ingredientes esenciais que se usan para contar as historias: os conflitos, os personaxes, os sucesos… E tomaremos un primeiro contacto con elas e cos libros da mellor maneira posible: contando contos.

A NOSA HISTORIA: OS PERSONAXES / COMO CONTAR OS CONTOS?: Falaremos dos personaxes como elementos constitutivos dos contos, e das distintas maneiras que hai de contar contos. Cada familia escollerá aos protagonistas da súa propia historia, e aproveitaremos para tirar unhas fotos e gardalas para crear máis tarde o voso libro.

A NOSA HISTORIA: SUCESOS / COMO COMEZAR A LER?: Xa temos aos personaxes, e agora veremos como facelos actuar. Analizaremos os sucesos, as técnicas para crear unha aventura, e descubriremos como dende case calquera punto de partida podemos construir unha historia marabillosa.

A EDICIÓN / LENDO XUNTOS: Recompilando todo o que aprendimos e fomos construíndo nas sesións anteriores, chegará o momento de abordar como se traslada todo ao papel: o mundo da edición. Falaremos das tipoloxías dos libros, os formatos e deseños, e veremos as posibilidades que temos de ler xuntos, en familia. Nesta última sesión, tamén editaremos o noso propio conto.

UNIDADE: Na comuniteca haberá aprendizaxe, entretemento, diversión e creatividade arredor da lectura, do libro e das historias. Todas as sesións da comuniteca estarán conectadas e finalizarán coa elaboración dun libro por familia, realizado entre todos e todas, que os levaredes para casa como recordo desta actividade de animación. Queremos que aprendades a crear e contar as vosas propias historias, porque pensamos que o lobo sempre será o malo, se soamente escoitamos a historia por boca de Carapuchiña.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s