A Biblioteca Municipal do Porriño volveu a ser agraciada na Campaña de Animación á Lectura “María Moliner” do Ministerio de Cultura. Con esta xa son 11 as veces que a nosa biblioteca resulta galardoada nestes premios como unha das 300 mellores bibliotecas do Estado entre os anos 2002 e 2016. E destacamos, ademais, que a biblioteca porriñesa resultou gañadora do 1º Premio Nacional María Moliner de Animación á Lectura no ano 2006, e dunha Mención Especial do mesmo premio no ano 2008.
O concurso María Moliner de animación á lectura, está organizado polo Ministerio de Cultura e convoca ás bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes de toda España. A convocatoria ten por obxecto premiar a aquelas bibliotecas que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.
A Biblioteca do Porriño recibiu 11 veces este premio entre os anos 2002 e 2016, e tamén o 1º Premio Nacional de Animación á Lectura no 2006 e unha Mención Especial do mesmo premio no 2008.
Neste campaña valórase a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca, así como o esforzo realizado pola biblioteca en función dos seus recursos dispoñibles, os proxectos de extensión bibliotecaria, a colaboración con centros educativos e outras entidades, colaboración cos diferentes axentes culturais dos municipios, e proxectos que fomenten a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.
A nosa biblioteca este ano presentou o proxecto “A túa biblioteca é+”, que pretende realzar a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social, reorientando os servizos da biblioteca, pasando de entedela non só como un centro cultural senón tamén como un centro social. Neste contexto, ao longo deste ano, organizouse unha programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.
Dende a Biblioteca do Porriño queremos agradecer este novo galardón ao Ministerio de Cultura e aos nosos usuarios e usuarias, que nos veñen acompañando nas diferentes campañas de animación que temos programado dende hai anos.