O TranVía: revista do Val da Louriña

otranvia

O TranVía: revista do Val da Louriña, foi unha histórica publicación periódica que se editou no Porriño entre os anos 1992 e 1995. Ao longo dese tempo sairían á rúa 12 números trimestrais do TranVía, que eran vendidos por 250 pesetas en bares, quioscos, librerías, gasolineiras, asociacións de veciños e tendas de alimentacións dos concellos do Porriño e Mos.

A revista rescataba como imaxe a do tranvía de Vigo a Mondariz, un medio de transporte fundamental na historia do Porriño que marcaría o desenvolvemento do noso concello moito máis alá da súa desaparición. Como se escribía na editorial do Número 0 (xaneiro/marzo de 1992) do TranVía, tentaban reproducir na publicación aquel ambiente caótico e comunicativo do transporte tranviario, onde “coincidían os señoritos de canotier que ían correr as farras a Vigo, coas leiteiras e as vendedoras de repolos”. Seguidamente presentaban os obxectivos da publicación, que eran, por unha parte crear unha prensa local, e por outra recuperar a memoria colectiva do Porriño e Mos.

O TranVía pretendía crear unha prensa local e recuperar a memoria colectiva da Louriña

Editada por TranVía Colectivo, e presidida por Uxía Senlle, polas súas páxinas pasaron decenas de redactores e colaboradores de varias xeracións, como Manuel Besada, Laureano Campos, Raúl Francés, Modesto Giráldez, Aurora Gómez, Xabier Fontaíña, Moncho Iglesias, Rubén Loureiro, Xosé M. Míguez, Miguel Montenegro, Quico Paz Antón, Paco Quintas, Pepe Vidal ou Constante Vázquez. Estes autores, e moitos máis, publicaban artigos sobre historia, arte e arquitectura; noticias, política e medio ambiente; gastronomía, entrevistas e semblanzas de persoeiros notables; recuperaban acontecementos pasados e fotografías históricas; falaban sobre lugares, sobre costumes ou sobre oficios tradicionais e tradicións culturais e etnográficas do noso val.

Despois de 4 anos e 12 números, ao rematar o que sería un primeiro tomo editorial, a revista desaparecía. Polo camiño, O TranVía conseguiría os seus obxectivos con creces. Deste xeito, sería pioneira na creación dunha prensa local e, polo tanto, convertiriase en precursora de revistas e xornais posteriores como Malladoura, Página XXI ou A Peneira da Louriña. E tamén conseguiría recuperar a nosa memoria colectiva, coa publicación dun importante conxunto de artigos de investigación fundamentais sobre a nosa historia e o noso patrimonio.

Pero moito máis: O TranVía conseguiría converterse tamén nun campo de expresión e participación para toda unha xeración de porriñeses e mosenses. A través dos números do TranVía, que todos agardábamos con ilusión cada trimestre, os porriñeses tiñamos unha publicación que falaba de nós e das nosas cousas máis alá das esporádica novas que podían aparecer no Faro de Vigo e outros xornais da prensa convencional.

A colección completa da revista está na Sección Local da biblioteca e dixitalizada a través de internet por Números Sueltos.

Na Sección Local da biblioteca do Porriño conservamos dúas coleccións completas do TranVía coa clásica encadernación gris en cartoné do Tomo I, que tedes á vosa disposición para consulta en sala. Por outra banda, mencionar que tamén podedes consultar en internet e gratuitamente a colección completa do TranVía a través da páxina Números Sueltos, grazas á dixitalización realizada pola empresa valenciana Faxímil Edicions Digitals, do porriñés Alfonso Moreira.


One thought on “O TranVía: revista do Val da Louriña

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s