Entre as diferentes redes sociais de lectura ás que podedes acceder na actualidade destaca Wattpad, unha enorme plataforma que reúne a día de hoxe máis de 35 millóns de usuarios en todo o mundo, un millón deles en España. Trátase dunha comunidade de escritores e lectores en liña, con grandes servizos e posibilidades para uns e para outros, de xeito que se ten convertido nunha interesante ferramenta no mundo do libro e a lectura en formato dixital, con grandes repercusións no mundo editorial en formato papel.
Para os autores, Wattpad permite publicar as súas obras gratuitamente, aforrando tempos de edición e custes de publicación, proporcionando difusión nunha importante comunidade mundial de lectores entre os que promocionarse. De feito, obras tan exitosas como a serie de “Bad Boy’s Girl” de Blair Holden, a “Serie After” de Anna Todd ou a “Serie You” de Markame Stelle naceron nesta plataforma, para converterse máis tarde en enormes éxitos de venda en formato papel. Pero o máis interesante de Wattpad é que posibilita un feedback directo co público e a posibilidade de interactuar cos lectores. Isto pode resultar especialmente útil para os escritores máis creativos e participativos, que poden modificar as historias segundo as opinións do público, aproveitando os seus comentarios, ou publicar por entregas permitindo que sexa o propio público quen condicione a evolución da historia, ou testear as súas obras antes do lanzamento, ou os centos de posibilidades que permite a comunicación directa autor/lector no proceso de creación.
Wattpad permite interactuar directamente aos escritores co seu público e aos lectores cos seus autores favoritos
Para os lectores, Wattpad ofrece unha fonte case inesgotable de lecturas que poden ser descargadas legalmente e lidas offline; pero tamén a posibilidade de puntualas participando en ránkings, comentalas ou interactuar cos autores sen intermediarios. Podemos crear as nosas propias historias derivadas dunha obra do orixinal, ou seguir a unha historia ou autor, recibindo notificacións cada vez que publique algo novo. E sobre todo, permite que participemos nunha enorme comunidade de verdadeiros apaixonados dos libros e da lectura.
A plataforma pode ser usada a través do sitio web (https://www.wattpad.com/) ou ben a través dunha app para dispositivos móbiles. A app de Wattpad, con máis de 50 millóns de descargas, dispoñible para iOS, Android e Windows Phone, leva situada no top 5 de apps de libros ao longo de 3 anos, o que xa de por si é un indicativo da estabilidade da súa comunidade e dos seus servizos.