A biblioteca do Porriño estivo no VIII Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas, que se celebrou en Toledo esta semana. Ao longo dos días 16 e 17 de novembro, máis de 500 profesionais chegados desde todas as partes de España e o estranxeiro nos reunimos na capital de Castela A Mancha para debater sobre o futuro das bibliotecas. Esta nova edición do Congreso estaba dedicada ás novas tendencias en relacións aos espazos físicos e virtuais das bibliotecas públicas, prestando especial atención aos novos usos e servizos que demanda unha sociedade cada vez máis tecnolóxica e a adaptacións de novos espazos, físicos e virtuais, máis abertos, accesibles e integradores.
O Congreso resultou realmente interesante e volvemos ao Porriño cunha boa carga de ideas para pór en práctica a curto e medio prazo. Moitas ideas. De seguro que vos resultarán útiles. Temos pensado novos servizos, novas actividades e nos replantearemos o uso de diversos espazos na biblioteca segundo as necesidades expresadas polos usuarios. Volcarémonos aínda máis no espazo virtual da nosa biblioteca como parte dunha estratexia dixital: reutilización da información, alfabetización dixital, uso de redes sociais e potenciación da comunicación cos nosos usuarios; servizos baseados en contidos dixitais locais, servizos baseados nos dispositivos móbiles, implementar un carné dixital para levar no móbil, uso dun catálogo online moito máis usable, etc.
En resumo, a participación no Congreso vai permitir que melloremos e evolucionemos, adelantándonos aos cambios que están por vir, para prestar un mellor servizo bibliotecario aos porriñeses. Facía frío en Toledo, pero volvemos con ideas moi quentes!