Actividade: A hora do código
Contido: obradoiro de introdución ás ciencias da computación.
¿Para quen?: usuarios maiores de 13 anos.
¿Cando?: martes 13 de decembro. De 19:00 a 20:30.
A “Hora do código” é un obradoiro dunha hora e media de duración pensado como introdución ás ciencias da computación, e deseñado para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta interesante disciplina que está marcando decididamente a evolución das nosas sociedades. Como todas as nosas actividades, é de carácter gratuito pero con inscrición previa.
O noso obradoiro está enmarcado dentro do movemento global do mesmo nome, unha iniciativa que xa chegou a máis de 180 países, con máis de 100 millóns de participantes e que foi impartida en máis de 40 idiomas distintos. Impulsada por Code.org, a iniciativa “A hora do código” ten por obxecto achegar a programación informática para toda a poboación dunha forma natural, sinxela, intuitiva e divertida. Os asistentes poderán comprobar que as ciencias da computación e a programación non son algo difícil e tedioso, e que pode chegar a ser divertido á vez que moi beneficioso para o futuro profesional, xa que todos os empregos estarán marcados pola programación informática dunha maneira ou doutra.
Na biblioteca do Porriño desenvolveremos “A hora do código” para un grupo reducido de 15 participantes, que deben ser maiores de 13 anos de idade. Estará impartido pola Asociación “Jóvenes inventores”. É necesaria inscrición previa, presencialmente na biblioteca ou ben por teléfono (986337624), así que non deixedes pasar a oportunidade de introduciros no apaixonante mundo da programación informática.
Unha oportunidade para achegarse á programación informática dun xeito divertido
Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2016, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entendelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.