Poucas cousas botábamos de menos no Festival de Cans, e agora xa ten ata libro. Trátase de homónimo “Cans”, do escritor, xornalista e humorista vilagarcián Carlos Meixide, autor de libros como “A miragaia” (2004), “O home inédito” (2005), “Inge e Robbie” ou o recoñecido “Ons” (2015). A presentación tivo lugar onte pola tarde na céntrica tenda porriñesa Tía Tatá polo propio autor, xunto co escritor porriñés Diego Giráldez e membros do festival que leron fragmentos do relato.
O libro “Cans” chega como continuación da famosa obra de literatura xuvenil “Ons” (2015), cun relato desta volta ambientado na parroquia porriñesa máis cinéfila ao longo do festival de curtas. A historia está protagonizada por un grupo de rapaces que se achegan ao festival para gravar unha curtametraxe, e que se verán inmersos nunha trama de misterio e intriga, con toques de humor. Máis alá do propiamente literario, autor e organización pretenden que a historia sirva tamén como unha reivindicación do patrimonio da arqueoloxía industrial, e en concreto, do vello túnel do tranvía no Confurco, na actualidade ameazado.
A trama está protagonizada por un grupo de rapaces no Festival de Cans.
Segundo informa o festival, a obra foi promovida polo propio Festival de Cans a través da sección “Miradas de Cans”, que cada ano invita a un creador alleo á produción audiovisual para que ofreza unha mirada do mesmo dende a súa propia disciplina. Se noutros anos estiveron presentes creadores como Manolo Rivas, David Rubín ou o fotógrafo Xurxo Lobato, a invitación de Meixide e a súa posterior residencia artística na aldea, tivo como froito a publicación deste prometedor relato ambientado no festival, que o autor autoedita contando coa colaboración da pintora María Meijide nas ilustracións. O libro poderá comprarse no Porriño na tenda Tía Tata e na libraría Paz.