Comeza o programa de actividades da biblioteca do Porriño para o 2017. Aínda que son moitas as que estamos preparando, e que se desenvolverán desde este mes de xaneiro ata decembro, agora mesmo acabamos de abrir as inscricións para catro: Club de lectura de adultos, Club de lectura infantil, Obradoiros de alfabetización dixital e Grupos de conversa en inglés. Todas as actividades son gratuítas pero teñen un número máximo de participantes, polo que é necesario inscribirse con anterioridade na biblioteca (ou ben no teléfono 986337624) e ter a condición de socio da biblioteca. Tamén terán preferencia as persoas empadroadas do Porriño, podendo entrar as restantes nunha lista de agarda.
Os Obradoiros de alfabetización dixital para persoas adultas se organizan co obxectivo de formar no uso das tecnoloxías da información e a comunicación as persoas maiores en risco de exclusión dixital. Principalmente destinado a adultos, maiores de 50 anos, cun reducido coñecemento sobre o uso do ordenador e de internet, así como cun baixo aproveitamento do acceso á información que se pode manexar coas novas tecnoloxías, que se beneficiarán desta serie de obradoiros personalizados desenvoltos para grupos reducidos (ata 6 persoas por quenda). Nós proporcionaremos portátiles a todos os participantes para a súa aprendizaxe durante a sesión formativa. Os obradoiros organizaranse ao longo do ano 2017 en tres distintos niveis de coñecemento (desde persoas sen ningún tipo de coñecemento – Nivel I – ata persoas con coñecementos moi básicos – Nivel II – e persoas con coñecementos básicos – Nivel III), desenvoltos en 8 sesións formativas cada un deles, e nas seguintes datas:
- Nivel I:
- Grupo 1: mércores 18,25 de xaneiro; 1, 8, 15, 22 de febreiro; 1, 8 de marzo
- Grupo 2: mércores 4,11,18,25 de outubro; 8,15,22,29 de novembro
- Nivel II: mércores 15,22,29 de marzo; 5,19,26 de abril; 3,10 de maio
- Nivel III: mércores 24,31 de maio; 7,14,21,28 de xuño
Os Grupos de conversa en inglés pretenden o perfeccionamento do inglés a nivel oral para os participantes, a través dun grupo de conversa guiado e reducido (6 persoas máximo). Non son clases de idioma, senón un espazo no que mellorar os coñecementos e perder o medo a falar, nun ambiente distendido. Os participantes conversarán entre eles, coa guía e o asesoramento dun titor que os corrixirá e guiará ao longo dunha hora: unha maneira divertida de aprender e mellorar o nivel de inglés. A diferencia do ano pasado, neste 2017 estableceranse dous niveis de coñecemento (básico e intermedio) e duplicaranse as sesións por cada grupo, co obxecto de crear conxuntos máis estables. As sesións serán os martes entre as 18:00 e 19:00 horas para o nivel básico, e entre as 19:15 e 20:15 para o nivel intermedio. No caso de existir prazas dispoñibles, unha mesma persoa poderá inscribirse nos dous niveis, e, xa que logo, asistir aos dous niveis seguidos dende as 18:00 ata as 20:15.
A periodicidade dos grupos será a seguinte:
- GRUPO 1: martes 7, 14 ,21 ,28 de febreiro; 7, 14, 21, 28 de marzo (básico: 18:00-19:00 / intermerdio: 19:15-20:15).
- GRUPO 2: martes 18, 25 abril; 2, 9, 16, 23, 30 maio; 6 xuño (básico: 18:00-19:00 / intermedio: 19:15-20:15).
- GRUPO 3: martes 10, 17, 24, 31 outubro; 7, 14, 21, 28 novembro (básico: 18:00-19:00 / intermedio: 19:15-20:15).
O Club de lectura infantil reúnese ao longo de todo o ano os venres alternos entre as 18:00 e as 19:30, destinado aos usuarios e usuarias infantís da biblioteca entre os 8 e os 12 anos. Trátase dunha actividade encamiñada a que os nenos atopen nos libros o instrumento de desfrute que os anime a ler cada día. Empréganse actividades, xogos, manualidades, etc. relacionadas coa lectura programada para conseguir aumentar a súa comprensión lectora e, ao mesmo tempo, que se divirtan co seu libro.
O Club de lectura de adultos da Biblioteca do Porriño, xa consolidado, reúnese ao longo de todo o ano os luns alternos, entre as 18:30 e as 20:00 co fin de comentar e intercambiar opinións sobre determinados libros con lectura programada. Cada un lee o libro na casa, pero unha vez á semana se reúnen todos para comentar as páxinas avanzadas dende o encontro anterior. Nestas reunións debátese sobre o que se ten lido na casa, como o estilo literario, a acción ou os personaxes, aínda que é bastante frecuente que a charla acabe derivando cara as vivencias e experiencias propias de cada un dos asistentes. Tamén se realizan actividades paralelas, como visionado de vídeos ou xogos.