Actividade: Obradoiros de fotografía dixital.
Contido: iniciación á fotografía.
¿Para quen?: poboación adulta.
¿Cando?: tres grupos, en marzo, abril e outubro. Entre as 17:00-20:00 horas.
Vivimos no mundo da imaxe. Poderá gustarnos máis ou menos, pero é innegable que hoxe en día a imaxe cobrou unha importancia extraordinaria, exponenciada pola popularización das cámaras dos smartphones, do uso de internet e das redes sociais. Os principais espazos de interacción social en internet como Facebook, e sobre todo Instagram, se fundamentan na imaxe, e a nosa imaxe persoal chega a condicionar unha parte importante da nosa vida. Por iso dende a biblioteca queremos botar unha man ás nosas usuarias e usuarios, alfabetizando tamén no tema da fotografía dixital.
Dado o éxito do ano pasado, neste ano de 2017 ampliamos a oferta formativa neste campo, e ofreceremos ata 3 obradoiros de iniciación á fotografía dixital. Trátase dunha actividade para dar a coñecer o funcionamento básico dunha cámara réflex e ensinar técnicas básicas que permitan explotar a creatividade dos/das participantes. Tamén se presentará unha aplicación informática para realizar revelado dixital.
Estes obradoiros están enfocados para poboación adulta interesada en iniciarse no mundo da fotografía dixital ou mellorar a técnica básica coa que conta. Cada un deles terá ata 10 prazas como máximo, é necesaria inscrición previa na biblioteca ou por teléfono (986337624), ter a condición de socio ou socia da biblioteca, e os empadroados no Porriño terán preferencia sobre o resto de persoas (haberá dispoñible unha lista de agarda). ¿Que non tes cámara réflex? Pois tampouco é motivo para non vir: na biblioteca podemos prestarche para o obradoiro unha cámara réflex e un portátil para que podas aprender con todas as garantías.
Actividade pensada para iniciarse no mundo da fotografía dixital.
Os obradoiros estarán impartidos por Xosé Antón Fernández, fotógrafo e docente en novas tecnoloxías, e terán a seguinte periodicidade:
- Grupo 1: venres 24 e 31 de marzo (entre as 17:00 e 20:00 horas)
- Grupo 2: venres 21 e 28 de abril (entre as 17:00 e 20:00 horas)
- Grupo 3: venres 20 e 27 de outubro (entre as 17:00 e 20:00 horas)
Esta actividade está organizada dentro do programa de dinamización da Biblioteca do Porriño no 2017. Coa evolución das tecnoloxías da información e a comunicación e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiou. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entendelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora de saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora e novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca Municipal do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.
One thought on “Obradoiros de fotografía dixital”