Nimbo “o argonauta” é a nova proposta de animación á lectura na Biblioteca do Porriño. Este novo personaxe estará na sala infantil todos os xoves alternos entre as 18:30 e as 19:30 horas, con interesantísimas sesións de animación lectora para nenas e nenos entre os 2 e os 10 anos de idade.
O personaxe de Nimbo, desenvolta para a biblioteca polo recoñecido grupo de teatro porriñés Xerpo, recolle o nome da mitoloxía clásica onde os heroes da nave Argos, os argonautas, atravesaban un feixe de aventuras. Así é como se parte dunha base da literatura antiga para trasladarmos á tecnoloxía máis contemporánea cunha imaxe semellante a dun astronauta, que transmite as súas aventuras polo universo. Tanto o deseño do personaxe coma os referentes nos que se move axudan a deseñar as sesións dende a orixinalidade, pois a temática interestelar facilítanos o relato das historias máis incríbles e, ao non ser deste planeta, ofrece un espazo propicio para desencadear a imaxinación dos participantes e asi ter un vínculo moi especial co noso argonauta.
“Nimbo” naceu nun dos planetas atopados polo telescopio Kepler, o coñecido por nós coma HD 133131A b. Chegou coa súa nave “Argos” á terra nunha misión da súa cultura para descobrer novos planetas habitados, e agora fai viaxes interestelares para coñecer as historias máis impresionantes do universo. Nimbo é un personaxe cargado de recursos, pois o seu traxe de argonauta está cheo de sorpresas; luces, micrófono e efectos especiais que fará que as nenas e os nenos teñan un achegamento lúdico á tecnoloxía.
Nimbo estará na biblioteca os xoves alternos, entre as 18:30 e as 19:30.
A interacción cos nenos e nenas é total, porque Nimbo descoñece a terra e asi ca axuda dos participantes descobre o mundo e estimula a curiosidade polo funcionamento e a orixe do que nos rodea. O argonauta, Nimbo, é un personaxe integrador pois ten moitas diferenzas, por exemplo non ten embigo porque a súa especie nace de ovos que poñen os pais, ou o feito de ter o pelo de moitas tonalidades de azul e verde. Polo que esta animación á lectura está traballando en todas as sesións valores como a integración, a aceptación da diferenza ou a igualdade.
Nimbo é proxecto deseñado para:
- Fomentar a lectura.
- Crear novas e novos lectores en idades temperás.
- Desenvolver capacidades como a observación, a imaxinación e a creatividade a través das historias que conta en cada sesión.
- Estimular o coñecemento da tecnoloxía a través da súa orixe estelar, e co seu traxe cargado de efectos captará toda a atención dos participantes.
- Transmitir valores como a integración, o respecto e a igualdade.
- Divulgar novas de actualidade sobre ciencia e tecnoloxía.
Sobre as sesións de Nimbo
Nimbo é unha animación á lectura e unha animación ao descubrimento a través da divulgación cultural e científica. Coa curiosidade e inocencia do “Principiño” de Antoine de Saint Exupéry pero coa apariencia e técnica moderna que inspiran as animacións infantís da televisión, cheas de botóns e funcionalidades imposibles. Con cada visita traerá novas sobre a cultura, a ciencia, e o entretenemento.
As sesions de Nimbo terán certo toque de misterio e de interactividade: o seu casco está cuberto de tal xeito que os nenos e nenas non poderán ver a súa cara dándolle ese toque de misterio, e a súa vestimenta branca conta con sensores que os cativos poderán tocar para reproducir sons ou efectos. Dende a primeira sesión, Nimbo reflexionará nos valores positivos dunha sociedade avanzada e tratará de transmitir estes valores a través dos seus contos. Os contos serán adaptacións de contos e historias coñecidas para integralos na estética futurista e extraterrestre, conseguindo con iso unha mellor acollida se cadra. O apoio dos recursos técnicos, como o de levar altavoces integrados no seu traxe espacial para poder reproducir sons que apoien á escenificación do conto, ou o de contar con iluminación tamén integrada no seu traxe, son clave para conseguir a sensación de que Nimbo é un ser de outro planeta.
Nimbo entreterá, pero tamén ensinará sobre cultura e ciencia
Por outra banda, Nimbo está nun planeta estraño e os nenos e nenas porriñeses terán que contarlle cousas do seu propio mundo, cousas que ao mesmo tempo motivarán unha reflexión profunda aos máis pequenos. Trátase de breves xogos de preguntas que darán un enfoque infantil a plantexamentos que os habitantes adultos do planeta terra teñen moi asumido, coma a fame no mundo, os cartos, a política, a língua ou a xustiza.
Un último pero importante apuntamento sobre Nimbo é a parte cómica, coma calquera estranxeiro que chega por primeira vez a un país distinto, hai cousas que non entende e non sabe como funcionan, polo que algo tan simple coma un libro poderálle dar moita comicidade ao máis puro estilo clown. Porén, non deixará de ser axeitado para todas as idades xa que o ritmo pausado do seu movemento, provocado pola diferencia na gravidade do seu planeta, faino indicado mesmo para os máis pequenos.
Algúns títulos das sesións de Nimbo:
- “Benvidos terrícolas”: Un ser doutro planeta chega á Biblioteca do Porriño, o mellor sitio para atopar coñecimento e entretemento.
- “O uso do parafuso”: Nimbo trae estraños obxectos para que os nenos e nenas averigüen para que poden servir.
- “O bosón de Higgs”: Nimbo investigou sobre cousas elementais do planeta terra e compárteas cos pequenos.
- “O buraco negro”: As viaxes espaciais contadas coma nunca, dende a primeira persoa. Nesta sesión, Nimbo conta as súas peripecias galácticas coa súa nave Argos.
- “Un libro doutro planeta”: Paquete espacial! A Nimbo chegoulle un paquete dende o seu planeta, unha sorpresa que todas e todos terán que axudarlle a entender.
- “Salsa verde, sangue vermella”: Os alieníxenas son moi distintos, e ao mesmo tempo non tan distintos. Nesta sesión afondarán sobre o corpo humano e sobre as peculiaridades do corpo deste estraño alieníxena.
- “A pandilla cotilla”: As sociedades son moi complicadas, tanto como o son os seres que as integran. E Nimbo está disposto a averiguar que é o que se pode mellorar na sociedade e que pode facer cada persoa para axudar a mellorar.
2 thoughts on “Nimbo: animación é lectura na biblioteca”