Libros contra o bullying

libroscontrabullying

Na Biblioteca do Porriño poderás atopar varios libros de lectura infantil e xuvenil relacionados co bullying ou acoso escolar. Entre eles queremos destacar a serie de “Wonder”, unha colección de libros escritos por R.J. Palacio que se ten convertido en todo un fenómeno editorial e xa ten vendido máis de 5 millóns de exemplares en todo o mundo.

A historia está protagonizada por August, un rapaz cunha deformación na cara que o fai diferente ao resto. Aínda que ten 10 anos nunca foi a escola debido ás continuas operacións cirúrxicas que tivo que padecer, vivindo na protección da súa casa, pero agora os seus pais deciden que xa é hora de que comece  a súa formación nun centro educativo. Alí a súa diferencia física provocará que sufra episodios de discriminación e acoso por parte dalgún dos seus compañeiros, pero tamén aprenderá importantes leccións positivas para a vida, como crecer na adversidade, aceptarse tal como é, sorrir aos días grises ou que sempre haberá alguén disposto  a botarche unha man.

A colección está formada por 4 libros: “A lección de August”, “A historia de Julian”, “O xogo de Christopher”, e “Charlotte ten a palabra”. Cada un dos libros representa a visión dun personaxe da historia, dende a propia vítima, ata os seus amigos ou o mesmo acosador: porque descubriremos que os nenos acosadores tamén agochan os seus propios problemas. Trátase duns libros que ensinan a aceptarse a un mesmo, a aceptar aos demais, a abrirnos ao resto da xente e a importancia da familia e dos amigos. E aínda que a historia en principio é dramática, está tratada cunha boa dose de sensibilidade e sentido do humor, cunha linguaxe tan clara e sinxela, que a fai recomendable para todos os públicos, e en especial para os rapaces e rapazas da idade de August.

Tamén incluímos o libro infantil “El bullyIng”, con información directa e accesible, para que axudar aos nenos e nenas a identificar o acoso (emocional, físico, por móbil ou Internet), a abrirse e a falar da súa experiencia persoal. Un libro para que os menores o lean tanto sós como na compaña de adultos. Todos eles poderás atopalos na colección da biblioteca do Porriño para consulta ou préstamo a domicilio.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s