Na Sala Infantil da Biblioteca do Porriño temos unha boa chea de contos, cómics, pelis, libros para bebés, libros-DVD, ou libros de divulgación. Pero tamén podedes atopar a sección de “Crianza”, un centro de interese cun conxunto de libros sobre educación, lactancia e crianza con destino a persoas adultas. Trátase dunha sección moi recomendable para proxenitores e educadores, onde resolver problemas, ampliar coñecementos, buscar ideas e xestionar a crianza dos nosos pequechos e pequechas.
Entre todo o material dispoñible na sección de “Crianza” hoxe destacamos a Colección Actual de Plataforma Editorial, unha editorial independente que publica libros moi interesantes, da máxima actualidade e con criterio. Na biblioteca temos unha boa selección desta serie, un conxunto de obras que se ocupan de temas relacionados coa crianza e a educación dende unha perspectiva distinta e facendo fincapé en factores que nos parecen novidosos e excepcionalmente tratados. Velaquí os tedes:
Montessori en casa : el cambio empieza en tu familia, de Cristina Tébar.
Montessori é un estilo de vida e unha forma de ensinanza que busca respectar os ritmos de aprendizaxe de cada neno, e que centra a súa visión no desenvolvemento integral do ser humano desde o nacemento. O método Montessori, unha das tendencias máis importantes na actualidade en educación, axuda a desenvolver nenos autónomos, independentes, responsables e capaces de pensar por si mesmos, co fin de conseguir nenos felices que poidan converterse nas mellores persoas que poidan ser.
Educar la interioridad, de Luis López González.
¿En que momento o móbil comezou a ocupar un lugar central na vida dos xoves? ¿Desde cando os máis pequenos viven con presas e estrés? ¿Por que moitas veces temos a sensación de que os nenos e nenas se encontran desorientados? ¿Que se nos perdeu no camiño? A resposta está no que deixamos de mirar: o interior. Este libro é un manual completo para desenvolver condutas e actividades que permitan aos máis pequenos traballar a súa interioridade e que nos conviden a reflexionar e a tomar consciencia de nós mesmos.
Meditación para niños : en paz me levanto, en paz me acuesto, de Luis López González.
¿Como conseguir que os máis pequenos se concentren? ¿De que modo podemos combater o estrés dos máis pequenos? ¿Que podemos facer para que os nenos e nenas poidan xestionar mellor as súas emocións? Luis López propón un instrumento imprescindible: iniciar aos máis pequenos na práctica da meditación e o mindfulness. Este libro nos ensina a guiar aos pequenos, dende os primeiros anos, nunha apaixonante aventura que os axudará a encontrar a paz e a serenidade en todas as facetas da súa vida.
Educar en la realidad, de Catherine L’Ecuyer.
Nun mundo que se desenvolve en clave dixital a mellor preparación sigue sendo a que ten lugar no mundo real. Os pequenos e pequenas aprenden en clave de realidade. Para poder captala, necesitan relacións interpersoais, contacto coa beleza e motivos para actuar con sentido. Necesitan sensibilidade, empatía, espírito atento. Sen embargo, nun mundo no que as pantallas están cada vez máis presentes, poden padecer un déficit de realidade. A autora demostra con evidencias que a mellor preparación para utilizar as novas tecnoloxías de forma responsable ten lugar na realidade: é dicir, que a mellor preparación para o mundo online é o mundo offline.
Educar en el asombro: cómo educar en un mundo frenético e hiperexigente, de Catherine L’Ecuyer.
¿Como educar nun mundo frenético e hiperesixente? ¿Como conseguir que un neno ou nena, e logo un adolescente, actúe con ilusión, sexa capaz de estar quieto observando con calma o que lle rodea, pense antes de actuar e estea motivado para aprender sen medo ao esforzo? A vida dos máis pequenos tense convertido nunha verdadeira carreira para queimar etapas, o que os afasta cada vez máis da súa propia natureza, da súa inocencia, dos seus ritmos, do seu sentido do misterio. Moitas nenas e nenos estanse a perder o mellor da vida: descubrir o mundo, adentrarse na realidade.
Aprovecha el tiempo con tu hijo : cómo tomar la mejor decisión sobre el cuidado del bebé, de Eulàlia Torras de Beà.
Dous anos non son nada na vida dun adulto pero representan todo na vida dun neno ou nena. ¿Que alternativas ten unha familia á hora de decidir sobre o coidado dun bebé? ¿É a gardería a mellor opción? Este libro é unha guía para que as familias decidan a partir da información e da análise de cada situación. Grazas a numerosas investigacións temos aprendido moito sobre o que recén nacido e os pequechos necesitan para unha evolución saudable. Hoxe en día coñecemos ben o valor insubstituible da relación de apego do bebé e os seus proxenitores e das interaccións de calidade que se xeneran nela.
El cerebro del niño explicado a los padres, de Álvaro Bilbao.
¿Como podemos axudar ás nosas fillas ou fillos a desenvolver o seu potencial intelectual e emocional? Durante os seus primeiros anos de vida o cerebro infantil ten un potencial que non volverá a ter e que se pode aproveitar. Non se trata de tentar convertelos en pequenos xenios, porque así perderían a súa esencia. Este manual práctico sintetiza os coñecementos que a neurociencia ofrece a proxenitores e educadores, co fin de que poidan axudar aos nenos e nenas a alcanzar un desenvolvemento intelectual e emocional pleno iniciado nas primeiras etapas da súa vida.