¿Sabías que no Porriño segue a editarse unha das publicacións máis antigas de Galicia, con 64 anos de historia? ¿Sabías que durante o franquismo foi unha publicación que conseguiu sortear a censura publicando en galego e cunha ideoloxía galeguista? ¿Sabías que nela colaboraron grandes persoeiros da cultura e das artes galegas? ¿Sabías que foi coñecida en toda España e sigue a ser un referente no seu campo? Pois si, os porriñeses e porriñesas deberían sentirse orgullosos de que o Almanaque Agrícola ZZ siga saíndo á rúa despois de 64 anos de facelo ininterrompidamente. Na biblioteca celebramos os seus 64 anos de historia, reeditando e publicando en aberto unha investigación sobre esta publicación que os bibliotecarios, Albino Alonso Rodríguez e David Pérez Rego, fixemos entre o 2005 e o 2008.
Daquela, fai xa doce anos, realizáramos unha investigación que incluía entrevistas aos responsables da publicación, e que se convertiría nun artigo publicado na revista porriñesa Malladoura (nº 9, xaneiro 2005). Aquel artigo fora logo reelaborado e publicado en clave nacional polo Boletín da Confederación de ANABAD (LV, 2005, nº 3) e máis tarde volveriamos a retomalo para unha conferencia nas III Xornadas de Historia do Porriño (2008). Agora publicámolo en Scribd, na nosa web e difundímolo nas redes sociais: son outros tempos. Incluso podedes acceder aos últimos números do Almanaque na súa propia web premendo neste enlace. Con todo, despois de tantos anos, e de tantos cambios no tempo, seguimos encantados de que o Almanaque siga saíndo á rúa no seu formato orixinal e coa súa personalidade intacta. Algo do que os porriñeses e porriñesas deberían sentirse orgullosas.
One thought on “Almanaque Agrícola ZZ, unha investigación”