O arquitecto Xosé Bar Bóo (Vigo, 1922 – Santiago, 1994) destacou como unha das figuras máis importantes da arquitectura española na segunda metade do século XX e un dos máis grandes intelectuais galegos da súa época. Doutor en Arquitectura pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, decano e cofundador do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, presidente do Museo do Pobo Galego, membro do Seminario de Estudos Galegos, vicepresidente do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, foi, ademais, un dos mellores creadores da súa época.
Despois de titularse en Madrid, gozando xa dunha repercusión profesional a nivel nacional, Bar Bóo decide volver á súa terra natal polo seu compromiso ético con Galicia, pola súa idea de contribuír ao futuro co seu proxecto vital. Aquí terá que enfrontarse cunha clientela non acostumada á modernidade da súa arquitectura, desenvolvemento proxectos do máis variado entre os que destacarán a construción de gran número de vivendas colectivas e unifamiliares cunha reinterpretación maxistral do estilo de Wright que o levaría a converterse no arquitecto vigués de maior fama internacional.
Organizamos un roteiro guiado polas súas obras porriñesas, despois dunha instructiva charla
Bar Bóo crea unha obra moi persoal, complexa pero xenuína, variada pero pouco convencional, tomando receitas tanto da tradición popular galega como de grandes mestres como Le Corbusier, o citado Wright ou Van de Rohe, pero adaptándoas estética e sobre todo funcionalmente ás características da climatoloxía, xeografía e socioloxía galegas da súa época. Todo para conformar unha produción singular entre a que destacan obras como o edificio Plastibar, en Marqués de Valladares (escollido polo Docomomo International no catálogo das edificacións máis representativas da arquitectura contemporánea), o Policlínico Cíes, o edificio da Praza Compostela, a Praza de Abastos de Gondomar ou a parroquial de Teis.
Xosé Bar Bóo tivo unha gran vinculación co Porriño, e aquí deixaría unha das súas obras máis logradas e famosas: a praza de Abastos (1970). Ademais, o noso concello pode enorgullecerse de ter un gran número de obras e proxectos deste insigne arquitecto, como a Panificadora e vivenda en Torneiros (1967, coñecida como Panadería Las Mercedes, hoxe Argibay), a Casa Porfirio González Gradín (1991), o proxecto para a ermida de Santa Leocadia en Mosende (1967), o proxecto para a Biblioteca Antonio Palacios no templete do metropolitano (1970), o tanatorio da rúa Ramiranes (1993), a vivenda da rúa Ramiranes nº26 ou o edificio de vivendas nº 14 da rúa Estación.

Na biblioteca do Porriño queremos contribuír á difusión e posta en valor do noso patrimonio, e por iso organizamos unha actividade ao redor da obra porriñesa deste arquitecto xenial, que se celebrará o próximo luns 17 de abril entre as 17:00 e 20:00 horas. Conscientes de que moitas veces pasamos por alto estes fitos da nosa arquitectura máis senlleira, queremos axudar a que ademais de velos de xeito cotiá, aprendamos tamén a “miralos”, a deternos para reflexionar conscientemente sobre eles. Este é precisamente o obxectivo desta visita guiada á obra de Bar Bóo no Porriño: dar as claves para “mirala”. Para elo contaremos coa colaboración do fillo do propio arquitecto, Alfonso Bar Blanco. Así, a visita iniciarase cunha charla na que exporá as ideas crave para entender a obra porriñesa de Bar Bóo, coa proxección de fotografías e modelos dixitais en 3D dos edificios proxectados para o noso concello, tamén os que non chegarían a realizarse, ou se realizaron sen respectar os planos do autor. Despois faremos unha visita aos diferentes edificios de Bar Bóo na vila, deténdonos especialmente na espectacular Praza de Abastos.
Un dos nosos propósitos é contribuir á posta en valor do patrimonio porriñés
Trátase dunha actividade gratuíta e aberta para todos os públicos, pero é necesario ser socio/a da biblioteca e inscribirse previamente, presencialmente ou chamando por teléfono (986337624). As prazas son reducidas e cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño.
Esta actividade está enmarcada no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2017, cun programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entendelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.
One thought on “Facemos un roteiro guiado do arquitecto Bar Bóo”