Hai libros sobre Galicia infumables, outros que molan, e outros que molan moito. Entre os libros divulgativos sobre a Galicia máxica que temos na biblio e que molan moito, exemplares que recomendamos firmemente, hoxe destacamos catro xoias. Catro xoias que falan das nosas tradicións, a nosa historia, a nosa bruma, os nosos tópicos, o noso pequeno universo, escritos dunha forma amena, diferente, a través dos cales podemos aprender sobre nós mesmos ao mesmo tempo que nos entretemos. Estas son as catro xoias escollidas:
Outra idea de Galicia, de Miguel-Anxo Murado (Debate, 2013)
Galicia é, sen dúbida algunha, a nacionalidade histórica da que menos soen ocuparse os medios de comunicación, pese a tratarse dunha das máis singulares. Para despexar esas brumas, Murado ofrece ao lector un percorrido, mapa en man, da historia, a socioloxía, a política e a xeografía galegas. Trátase dun percorrido moderadamente heterodoxo, en moitas ocasións sorprendente, no que, rexeitando os tópicos acumulados sobre este país tanto polos seus visitantes como polos propios galegos, lánzase unha mirada fresca a fenómenos como a emigración, o caciquismo, o suposto conservadorismo da súa sociedade ou incluso os malentendidos sobre o seu clima e a súa paisaxe. ¿Son os galegos realmente celtas? ¿Por que en Galicia apenas se venden produtos contra a cal das lavadoras? ¿Que facía o rei castelán Alfonso X escribindo a súa poesía en galego? Este libro desmitificador, irónico e ameno procura dar resposta a moitas das preguntas que o lector poida terse formulado algunha vez sobre Galicia e, sobre todo, a aquelas que nin sequera se formularan ata o de agora.
O país de brétema: unha viaxe pola cultura celta, de Suso de Toro (Xerais, 2016)
Unha viaxe ao corazón dunha civilización desaparecida na brétema do tempo polos camiños da Historia e da Literatura. Un libro que mostra, a través dos ollos dun escritor contemporáneo, a cultura de guerreiros relixiosos e unha épica poderosa que aínda latexa oculta dentro da cultura occidental. Unha aproximación á grande epopea dos celtas irlandeses que durmiu semiagochada e dispersa durante séculos.Lugh, Breogán, Cú Chulainn, Finn, deuses, semideuses e heroes. O pálido rei Artur, o que desapareceu no océano celta rumbo á illa de Avalon, segue seducindo os europeos máis soñadores.N’O país da brétema recóntanse os latexos da alma celta desde a orixe, entre as brumas do mito e a lenda, ata o respirar das novas gaitas actuais.O embruxo dunha cultura que atrae inevitablemente os habitantes dun tempo que quere mitos, e dunha cultura que desconfía da maxia e do misterio.
Vento e chuvia: mitoloxía da antiga Gallaecia, de Manuel Gago (Xerais, 2015)
Nun territorio extenso, misterioso e brutal no que aínda hoxe vivimos, os deuses conviviron cos homes, beberon da súa cervexa, participaron das súas batallas, exiliáronse nos seus montes. Nas vellas aldeas, na noite dos castros, hai máis de dous mil anos, alí onde hoxe vemos mudas ruínas circulares e murallas derrubadas, contáronse historias fermosas transmitidas de xeración en xeración. Historias de deuses que viven, que nacen, choran, aman, sangran, viaxan de monte en bosque, e das illas ás costas; historias nas que non existen fronteiras entre o real e o fantástico, porque, coma no tempo de hoxe, o mundo dos homes é sobre todo imaxinación. Deuses e homes corren baixo a chuvia, e as súas palabras son levadas polo vento e as augas, que son a cerna de Galicia. A “edición de campo” deste libro incorpora novos contidos con respecto á anterior publicación, e que se substancia nun prólogo adicional para esta edición e toda unha serie de notas acompañando cada un dos relatos, con interesantes propostas para profesores, pais e rapaces para explorar e viaxar polo territorio galego, gozando da arqueoloxía e podendo xogar coa interacción entre historia e ficción que se propón todo o tempo nas historias dos deuses. Ademais, inclúense os roteiros antes só dispoñibles na web oficial.
Herdeiros pola forza, Xurxo Ayán e Manuel Gago (2.0 Editora, 2012)

En Herdeiros pola Forza, Ayán e Gago avogan por transformar un modelo enquistado e esclerotizado de xestión do noso patrimonio cultural, devolvendo ás sociedades a relación coa súa propia memoria, e recuperando o sentido da nosa enorme herdanza e da nosa memoria. A sociedade galega do século XXI: urbana, usuaria das novas tecnoloxías e sometida a fortes procesos de tensión identitaria interna, precisa darlles novos sentidos ao patrimonio cultural. Este libro está escrito desde a crenza en que a nosa sociedade está a cambiar con rapidez, e está converténdose, gradualmente, ela mesma, en protagonista dese proceso de recuperación.