Hoxe viu a visitarnos unha representación do centro educativo porriñés CEIP PLURILINGÜE ANTONIO PALACIOS, para presentarnos o seu proxecto de “Rutas sostibles” e quedámonos abraiados. Dende xa, queremos dar os nosos parabéns a todo o colexio, á coordinadora deste proxecto educativo, Miriam Campos Leirós, e aos alumnos e alumnas de 6ºB que o están a levar a cabo. ¡Un aplauso para todo o grupo! A verdade é que nos parece un proxecto redondo, moi completo e digno de eloxio.
“Rutas sostibles” é un interesantísimo proxecto educativo deste centro para o curso 2016/17 que pon a atención nos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU e que, entre outras metas, busca fomentar o coñecemento do entorno, o traballo colaborativo, o uso de distintos materiais analóxicos e dixitais, a aprendizaxe de idiomas, etc. A idea é deseñar diferentes rotas de paseo no Porriño, polas que poder camiñar coñecendo o noso pobo e tendo en conta a sustentabilidade: é dicir, tendo en conta os espazos naturais, os espazos modificados polo home, a arquitectura e todos os elementos irrespectuosos co entorno e o medio ambente.
O folleto “Ruta Antonio Palacios” forma parte do proxecto “Rutas sostibles” do centro educativo de Torneiros.
Para poñer en marcha estas rotas, os alumnos e alumnas de 6ºB coa axuda das súas familias, e coordinados pola implicada profesora Miriam Leirós, comezaron en outubro visitando e investigando as diferentes parroquias que forman o noso Concello. Logo pasaron a situar sobre mapas os diversos elementos da nosa paisaxe (ríos, zonas verdes, núcleos de poboación, parques, vías de comunicación e transporte…), e consensuaron que a primeira rota que farían sería a “Rota Antonio Palacios”, un percorrido que pasara polas obras porriñesas do arquitecto pero tamén por puntos verdes da nosa vila.
Primeiro situaron os puntos de interese nun mapa analóxico. Despois pasaron ao traballo de campo: fixeron unha saída (ben armados con cámaras, mapas e a aplicación móbil “Runtastic”) dende o colexio de Torneiros, atravesando o Paseo do Louro (onde coñeceron e investigaron a nosa flora), distintos parques do centro e visitando as obras de Antonio Palacios, para logo contrastar o seu percorrido coa xeolocalización da rota na app móbil. Documentáronse sobre a figura do arquitecto e as súas obras, e finalmente deseñaron un folleto informativo da rota, que editan e publican en Creative Commons en tres idiomas (galego, castelán e inglés), e que nos trouxeron á biblioteca. Queremos darlles especialmente as grazas por facernos coñecedores do seu traballo, e informarlles de que decidimos incluír os seus excelentes folletos na exposición “Antonio Palacios na Biblioteca do Porriño” que actualmente podedes visitar na biblio.
Para coñecer este interesantísimo proxecto enfocado ao desenvolvemento de tarefas sostibles dende a clase, animádevos a consultar o seu propio blog: Diversostibles. Porque ademais do folleto da rota Antonio Palacios, o alumnado de 6ºB tamén teñen publicado unha guía das árbores da nosa contorna con códigos QR, e están preparando o seu próximo folleto que tratará sobre a arquitectura sostible. ¡Estamos desexando coñecelo! Así que grazas, parabéns a todo o centro educativo, e en especial a coordinadora deste proxecto Miriam Leirós e ao seu alumnado; e moito ánimo para as nosas pequenas e pequenos investigadores.