¡Máis cousas arredor das Letras Galegas! Para o día 19 de maio teremos unha sesión de teatro infantil coa compañía Galeatro, que porá en marcha o espectáculo “O contador de contos”. Trátase dun espectáculo de 40 minutos de duración para nenos e nenas a partir de 6 anos de idade, que se desenvolverá en horario matinal. A historia que nos narra a obra ten como protagonista a Toribio, que ten que axudar á súa amiga Sara, inventora do Contador de Contos con Efecto Retardado, ante unha sabotaxe do profesor Smith. ¿Como a vai axudar? Pois coa “Máquina de Contos con Efecto Retardado” da súa amiga. Este espectáculo está baseado nos contos de Toribio e o contador de contos (1991), A Galiña Azul (1968) , O can Rin e o lobo Crispín (1983) e O galo de Antioquía.(1994), todos eles contos de Carlos Casares, autor ao que se lle adica no ano 2017 a celebración do Día das Letras Galegas.
Galeatro é unha compañía profesional afincada en Carballo. Formada por dous licenciados en arte dramática, nace coa intención de achegar aos espectadores aspectos relacionados coa cultura galega a través das artes escénicas. Para a actuación de Galeatro contaremos coa presenza do alumnado de distintos centros escolares do Porriño, pero tamén estará aberta ao público en xeral, así que estaremos encantados de contar con todos vós.