Hoxe ofrecemos unha selección de lecturas que abordan a cuestión da muller e o feminismo actual. Todas están á vosa disposición na biblioteca, xunto cun moitas máis sobre a materia. Trátase de 6 libros indispensables para comprender a evolución do papel feminino e a súa situación actual, nun mundo cambiante no que certas cousas non cambian tan rapidamente como desexaríamos.
Cansadas: una reaccción feminista frente a la nueva misoginia, de Nuria Varela (Ediciones B, 2016)
Cansadas é unha mirada feminista que contempla lembranzas, reflexións, reportaxes, artigos, notas de viaxe e conversacións ao longo dunha década na que temos chegado a estar fartas de tanta impunidade e tanta política da crueldade. Témonos feito maiores e non nos gusta o que vemos. É tempo da nosa propia reacción. Temos sido formigas. Xa é hora de que nos toque ser cigarras.
Un libro para ellas, de Bridget Christie (Anagrama, 2017)
Unha mirada provocadora e moi divertida sobre feminismo, machismo e as mulleres no século XXI. Christie ofrece unha evocación de vivencias persoais e un panfleto cómico, pero tamén fala da mutilación xenital, das escandalosas cifras de tocamentos non consentidos nos colexios británicos, da diferencia salarial, das campañas de lencería con “mulleres normais”, da ditadura do físico e das mulleres históricas. Ácida, combativa, intelixente e provocadora.
Mujer en el punto cero, de Nawal El Saadawi (Capitán Swing, 2017)
O libro describe a notable historia de Firdaus, unha historia de rebelión contra unha sociedade baseada en mentiras, hipocrisía, brutalidade e opresión. Nacida nunha familia campesiña en Exipto, Firdaus loita ao longo da súa infancia, buscando a comprensión e o coñecemento nun mundo que lle aporta moi pouco de ambas cuestións. A medida que crece, cada nova relación lle ensina unha amarga pero liberadora verdade: as únicas persoas libres son aquelas que non queren nada, non temen nada e non esperan nada.
A propósito de las mujeres, de Natalia Ginzburg (Lumen, 2016)
Novela sobre mulleres con sombreiro e sen sombreiro, mozas e vellas, maquilladas ou coa cara limpa. Solitarias ou con demasiada xente arredor; con fillos que realizan preguntas molestas ou amantes que chegan, úsante, saúdan e marchan. Mulleres que tarde ou cedo se senten malqueridas, aínda que camiñen pola rúa pisando forte e mirando coquetas o seu corpo no cristal do escaparate dalgunha tenda.
Mala feminista, de Roxane Gay (Capitán Swing, 2016)
Conxunto de ensaios ácidos sobre o feminismo na cultura moderna, unha aguda e divertida reflexión sobre como a forma na que consumimos a cultura nos converte no que somos. Sempre con ton autocrítico e consciente do papel na muller – así como da súa relación cos homes e coas demais mulleres – nos nosos días, a través da súa propia experiencia, e das dinámicas políticas e culturais recentes.
El género en disputa: el feminismo y la subversión de la identidad, de Judith Butler (8º imp. Paidós, 2016)
Obra fundadora da chamada teoría queer e bandeira dos estudos de xénero como se coñecen hoxe en día, é un volume indispensable para comprender a teoría feminista actual: constitúe unha transparente crítica á idea esencialista de que as identidades de xénero son inmutables e atopan o seu arraigo na natureza, no corpo ou nunha heterosexualidade normativa e obrigatoria.