A “Biblioteca de pedagoxía” é unha colección notable sobre pedagoxía editada pola editorial Kalandraka, que de seguro resultará do máis interesante para nais/pais e educadores. Iniciada en outubro de 2016 e con catro obras publicadas ata o de agora, a colección está dirixida polo Catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago de Compostela, Antón Costa, e é unha iniciativa pioneira encamiñada a prover os lectores e lectoras galegos unha parte significativa e seleccionada dos textos de materia educativa e pedagóxica máis relevantes a nivel internacional. Aportacións imprescindibles, tanto no campo teórico como nas prácticas educativas do noso tempo. Na biblioteca temos a colección completa, que está formada polos seguintes libros:
- A cidade dos nenos / Francesco Tonucci.
Son moitas as cidades europeas e latinoamericanas que xa se sumaron ao novo xeito de pensar a cidade proposto por Tonucci, entre elas, Pontevedra. Porque unha cidade á medida da infancia redunda nunha maior calidade de vida para todos. - Cando os nenos din basta! / Francesco Tonucci.
A continuación de “A cidade dos nenos” reivindica a importancia das opinións e das queixas dos cativos, instando os adultos a escoitalos e a telos en conta, converténdoos en “aliados privilexiados do cambio”. - Educación para un mundo novo / María Montessori.
A impulsora das “Casas dos Nenos” artellou unha metodoloxía didáctica -extendida por todo o mundo- que sitúa as nenas e os nenos como protagonistas do proceso educativo, desenvolvendo as súas capacidades en colaboración coa natureza - A imaxinación e a expresión artística na infancia / Lev Vigotski.
Un estudo pioneiro e vixente sobre o desenvolvemento da imaxinación artística das nenas e dos nenos, especialmente nos campos da literatura, do teatro e do debuxo.