A Biblioteca Municipal do Porriño foi unha das escollidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para integrarse na renovada Rede de Bibliotecas de Galicia baseada na plataforma Koha, un software libre de código aberto. Grazas aos novos cambios que se porán en marcha este verán, a biblioteca porriñesa poderá ofrecer ás súas usuarias e usuarios novos servizos e novas facilidades que vos iremos adiantando en próximas publicacións desta páxina.
Este importante proxecto permitirá establecer un carné único de lector válido para todas as bibliotecas públicas desta rede, polo que os usuarios e usuarias da institución porriñesa pasarán automáticamente a poder usar os servizos de máis de 70 bibliotecas de toda Galicia cun único carné. Ademáis, a Biblioteca do Porriño abandonará o catálogo da rede Meiga para integrar a súa base de datos no catálogo colectivo da Rede-Koha, cun cambio sustancial nos servizos ofrecidos, polo que os seus usuarios e usuarias poderán entón consultar e acceder nunha única páxina web a milleiros de novos recursos dispoñibles, entre eles, á colección integrada de libros electrónicos da plataforma dixital GaliciaLe. Ademáis, poderase acceder a un espazo personal online para consultar históricos de préstamo, realizar reservas, renovacións e outras funcionalidades, e ampliarase o número máximo de préstamos dende os tres exemplares actuais a cinco.
Por necesidades técnicas, pecharemos polas tardes entre o 7 de agosto e o 1 de setembro.
Este novo impulso aos servizos bibliotecarios suporá un notable esforzo técnico e de mellora tecnolóxica, polo que a biblioteca aproveitará a menor afluencia de visitantes no mes de agosto para levalos a cabo. Deste xeito, dende o 7 de agosto ao 1 de setembro pecharemos en horario de tarde, permanecendo aberta polas mañás entre as 08:00 e as 14:00 de luns a venres. A biblioteca e o Concello do Porriño queren agradecer a todos os seus usuarios e usuarias a súa comprensión por este cambio puntual, motivado pola posta en marcha destes novos servizos e funcionalidades dos que poderán disfrutar xa a partir do mes de setembro.
2 thoughts on “Grandes cambios: pasamos a Koha”