Somos fans do Mercado de la Tía Ni, incondicionais. Trátase dunha iniciativa encantadora e orixinal en forma dunha libraría e “furgolibraría” que vai recorrendo as vilas de Galicia, prestando servizo de libraría pero moito máis: animación á lectura, obradoiros, microteatro, exposicións, etc. A alma mater do “Mercado de la Tía Ni” é Nieves Loporena, unha namorada dos libros. Nieves creou unha singular libraría en Gaxate (A Lama) no ano 2008, que posteriormente trasladaría abrindo un espectacular espazo en Sabarís (Baiona) no 2011, que permaneceu aberto durante 5 anos e pechou o ano pasado.
A libraría volvería á Lama, adoptando o fermoso espazo dunha antiga escola, pero ademais, coa pretensión de ampliar o seu público e chegar á maior parte de lugares posibles, Nieves tamén convertería o “Mercado de la Tía Ni” nun servizo ambulante en forma de furgoneta que abre de forma itinerante en distintos lugares, nalgúns de forma regular, e noutros de forma excepcional. Así, poderedes atopala todos os luns e martes na Ramallosa (Nigrán) e todas as fines de semana (venres, sábado e domingo) en Gaxate (A Lama), publicando no seu Facebook o seus distintos itinerarios.
Nos sitios onde aparca a “furgolibrería”, o “Mercado de la Tía Ni” vende libros a prezos económicos (entre 3 e 5 €), libros ao peso (8€ o quilo) e incluso ofrece a posibilidade de alugalos por 4 meses. Pero, como temos dito, ademais do carácter librario, destacar que ofrece actividades en lugares que non contan con puntos de librarías ou bibliotecas de carácter fixo, o que é moi digno de eloxio. Alí desenvolve actividades de animación á lectura, contacontos, microteatro, ou obradoiros, charlas e actividades, exposición e venda de pintura, escultura, antigüidades e curiosidades, “días en inglés” para practicar a lingua, paseos e moitas cousas máis que pon en marcha cun gusto especial.
É xenial que exista xente tan emprendedora no mundo dos libros. Parabéns ao “Mercado de la Tía Ni”.