Agora que o tempo de verán acompaña e podemos realizar actividades “extramuros”, propoñémosvos introducirvos no mundo da pintura a través do movemento de “urban sketchers” (USK). Trátase dunha actividade que está a cobrar cada vez máis importancia arredor de todo o mundo. Máis alá do que se supón outra nova “moda” ou tendencia, este interesante movemento está formado por artistas e afeccionados que debuxan “in situ”, a cuberto ou ao aire libre, capturando directamente o que observan nas rúas, nos cafés, no transporte… Os seus debuxos contan a historia do seu entorno, dos lugares onde viven e onde viaxan. Ao debuxar documentan un espazo e un momento determinado, sendo fieis ás escenas que presencian no mesmo momento no que as están a reproducir. Promoven a diversidade de estilos de debuxo e pintura, e utilizan calquera tipo de ferramentas e soportes que lles poidan servir para a súa obra. Gústalles debuxar en grupo, realizando periódicamente “quedadas” nas que se axudan mutuamente e comparten as súas ideas. Logo comparten os seus debuxos en internet, en blogs e redes sociais, amosando a todo o mundo o seu arte, debuxo a debuxo.
Se queres saber máis sobre este interesante movemento consulta a páxina da comunidade española de Urban Sketchers ou a páxina matriz do movemento internacional. Na biblioteca introducimos varios libros sobre o movemento Urban Sketchers, para que poidades adentrarvos neste fascinante mundo de debuxo e pintura:
– The urban sketching handbook : arquitectura y paisajes urbanos / Gabriel Campanario.—Barcelona: Promopress, 2016.
– Dibujo y pintura urbana / [textos de Gabriel Martín Roig].—Badalona: Parramón, Badalona, 2014.
– Acuarela para urban sketchers : recursos para dibujar, pintar y narrar historias en color / Felix Scheinberger.—Barcelona: Gustavo Gili, 2015.
– Urban Sketching : guía completa de técnicas de dibujo urbano / Thomas Thorspecken.—Barcelona: Gustavo Gili, 2014.