Hoxe traémosvos un interesante documento da nosa historia local. Xa que estamos cerca das nosas festas patronais, as Festas do Cristo, e os folletos da programación están saíndo ás rúas porriñesas, rescatamos da nosa sección local un folleto das Festas do Cristo do ano 1968 que escaneamos e publicamos en dominio público en Scribd.
A través desta testemuña da nosa historia colectiva, da nosa memoria local, podemos apreciar como teñen cambiado as nosas festas e os nosos gustos, e poderemos botarlle unha ollada ao noso pasado recente.
Atoparemos informacións curiosas, que seguro que traerán bos recordos ás nosas veciñas e veciños de máis idade, con nomes que lles resultarán ben coñecidos. Así, entre a programación, veremos como se anuncian as actuacións de “Los Rítmicos” ou da orquestra “Los Lorenzos”, ámbalas dúas do Porriño, ou o baile de gala no Círculo Recreativo Cultural. Poderemos ler o saúda do alcalde Gonzalo Ordóñez Pérez, textos de Fernando del Oro, M. Núñez Luis, F. Chenet, Alberto Alcalde ou do Dr Bernando Carrera, e tamén un poema de María Corona Pérez González.
Entre os anuncios e promocións, a maior parte delas son de empresas e comercios da nosa localidade: algúns que aínda existen, como La Cueva, Foto Pako, Imprenta Paz ou a xoiería Covelo. E outros que xa deixaron de existir como as “máquinas de escribir y calcular Varela de la escalera”, o bar “Pardillo”, a casa “Vidiña”, o taller “Los Porriñeses”, as academias de condutores “O se alquila” e “Fangio”, a “Granxa do Louro”, os “calzados Lour”, as “bicicletas Super CIL”, etc.
¡Non deixedes de botarlle unha ollada!