Hoxe difundimos un interesante libro que podedes atopar na nosa biblioteca, e que pertence á Sección Local. Trátase de “O Mosteiro de San Salvador de Budiño e a Terra de Toroño“, obra publicada por Julio Ignacio González Montañés en 2011, e editada polo Instituto de Estudos Vigueses na Colección “Vigo na Memoria”. Moitos de nós coñecemos a Julio por ser o noso benquerido profesor de Historia da Arte no IES Pino Manso, pero ademais, Julio ten compartido a súa faceta de profesor de secundaria coa de investigador, publicando un bo número de interesantes documentos e investigacións sobre historia e patrimonio.
Este interesantísimo traballo ten como obxectivo a reconstrución da historia do desaparecido cenobio medieval de San Salvador de Budiño, do que actualmente soamente se conserva (con modificacións) a súa igrexa, a parroquial de Budiño, que segue a ser unha xoia do Románico da comarca. A partir da documentación existente Julio analiza a edificación daquel antigo edificio monacal e os seus fundadores, pero tamén a súa evolución dentro do contexto xurisdicional da denominada “Terra de Toroño” onde se atopaba o devandito mosteiro.
O mosteiro de San Salvador, dependente da orde de Cluny dende a súa doazón, pasaría por diversos avatares que o autor describe con detalle, apoiándose na documentación conservada. Admira a capacidade de resistencia dunha comunidade asediada por poderes ante os cales pouco podían facer.

Logo analiza os restos que aínda poden ser contemplados na contorna: un muíño e o templo, edificio de culto que conserva a súa cabeceira medieval. O autor analiza a filiación dos magníficos capiteis do arco triunfal, demostrando que o obradoiro que alí traballou tiña vinculacións co que esculpiu algúns da catedral de Tui. Describe as reformas que se levaron a cabo ao longo dos séculos e informa dunha relación de pezas artísticas conservadas (pía bautismal, peto de ánimas, etc), cun repertorio gráfico das mesmas. Por último, dedica un capítulo á Terra de Toroño, analizando este topónimo que se remonta ao século V e que englobaba ao Bispado de Tui e parte de Portugal, rematando cun apéndice documental da súa investigación e outro do Camiño Portugués e Santiago.
Sen dúbida, este libro é unha das xoias da nosa Sección Local, e podedes consultalo e levalo en préstamo da Biblioteca do Porriño. Animádevos a botarlle unha ollada. Ademais, tedes unha entrevista co autor neste enlace.