Novos servizos, máis calidade

cambiosKoha

A partir do próximo luns 16 de outubro a biblioteca do Porriño entrará a formar parte da nova rede de bibliotecas públicas de Galicia-Koha. Isto supón o acceso das nosas usuarias e usuarios, con igualdade de dereitos e obrigas, aos servizos de todas as bibliotecas integradas: máis de 100 bibliotecas galegas que se irán incorporando co tempo para formar unha rede na que traballaremos de forma cooperativa.

Supón tamén unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos grazas a un notable desenvolvemento tecnolóxico. Cambiaremos o programa de xestión, o catálogo, os procedementos, os impresos, as normas… Moito traballo e moitos cambios: pregamos comprensión si ao principio non podemos manter a calidade dos nosos servizos de forma normal. Literalmente: ¡estaremos en obras durante un tempo!

A integración da biblioteca do Porriño nesta nova rede suporá modificar as condicións do servizo ás nosas usuarias e usuarios. Cambios a máis e a maiores: ampliaremos a cantidade e a calidade dos nosos servizos. E xa estamos en condicións de adiantarvos algúns destes cambios:

 

Préstamos

Cada persoa poderá ter en préstamo da Biblioteca do Porriño un máximo de:

– 5 libros, por un máximo de 21 días cada un, coa posibilidade de 1 renovación polo mesmo prazo

– 2 DVD, por un máximo de 7 días cada un, coa posibilidade de 1 renovación polo mesmo prazo.

Xa que logo, fronte aos 3 exemplares actuais, a partir do luns cada persoa poderá ter en préstamo da Biblioteca do Porriño un máximo de 7 documentos (5 libros e 2 DVD). Ademais, entre todas as bibliotecas da rede de bibliotecas podería chegar a un máximo de 20 exemplares.

Renovacións

Poderán realizarse como sempre presencialmente na biblioteca (presentando o carné) ou por teléfono, pero a partir de agora tamén poderán facerse online directamente polo usuario dende o seu espazo persoal (a través do OPAC).

A renovación pode facerse desde 5 días despois do préstamo ata o día de vencemento.

Non poderán renovarse documentos xa reservados por outra persoa.

Reservas

Poderán realizarse como sempre presencialmente na biblioteca (presentando o carné) ou por teléfono, pero a partir de agora tamén poderán facerse online directamente polo usuario dende o seu espazo persoal (a través do OPAC).

Na biblioteca do Porriño cada persoa poderá reservar un máximo de 3 libros e 2 DVD.

Sancións

Outra das novidades para respectar o acceso de todos os usuarios á nosa colección. A partir de agora aplicarase automaticamente 1 día de suspensión por cada día de atraso e exemplar. A suspensión supón non poder levar en préstamo, renovar nin reservar en toda a rede de bibliotecas.

 

Servizos a través do OPAC

Todos os usuarios e usuarias terán acceso ao seu propio espazo persoal a través do OPAC. Dende este espazo poderán:

  • Informarse dos seus préstamos en activo, dos prazos de préstamo e as datas de vencemento.
  • Renovar directamente os seus préstamos
  • Realizar reservas
  • Realizar suxestións de compra
  • Crear lista de libros (tipo “libros pendentes para ler”)
  • Acceder ao seu historial de lectura (libros e datas dos seus préstamos pasados)
  • Informarse das súas posibles sancións
  • Acceder ao seu historial de buscas
  • Modificar os seus datos persoais e as súas contrasinais
  • Etiquetar e comentar os libros do catálogo

 

E moitas máis cousas que vos iremos adiantando pouco a pouco. Así que a partir do luns que ven: ¡máis servizos e máis calidade!


2 thoughts on “Novos servizos, máis calidade

  1. Pois parécenme moi ben os cambios. A diferencia de poder levar 5 libros en lugar de 3 notaráse moito, reservar e renovar pola rede también. É un servicio moito máis completo que me recorda ao da universidade.

    Gústame

  2. A nós tamén nos parece que se mellora moito o servizo. A maiores dos libros, tamén podedes levar 2 DVD e poderíades usar o mesmo carné para levar ata 20 exemplares en total nas bibliotecas da rede. Ademais, como dis, co voso espazo online tedes maior autonomía.

    Grazas pola túa opinión, Tamara.

    Gústame

Deixar un comentario