Proxección do documental sobre Estefanía

estefania

¿Como? ¿Que non sabes quen era Marcial Lafuente Estefanía? Pois ben novo has de ser… Estefanía (Toledo, 1903 – Madrid, 1984) foi o maior escritor de “novelas do oeste” (ou de vaqueiros) de España e un dos máis importantes do mundo. E un escritor dos máis prolíficos da historia: ¡publicou unhas 2.600 novelas!

Este luns 23 de outubro ás 19,00 horas (entrada libre), proxectaremos na biblioteca a longametraxe documental “M.L.Estefanía. Galicia Máis oeste que nunca” e contaremos coa presencia do seu director, José Ballesta de Diego, co que charlaremos sobre a obra e figura deste inmenso personaxe das letras españolas. Ademais, organizamos no Recuncho da biblioteca unha exposición bibliográfica con material orixinal do autor.

Estefanía comezou a súa carreira no Vigo dos anos 40, da man da Editorial Cíes, a primeira editorial galega da posguerra, publicando obras policíacas ou románticas. As primeiras asinounas baixo os seudónimos de  “Tony Spring” ou “Arizona”, e as románticas baixo o nome da súa esposa, “María Luisa Beorlegui” e como “Cecilia de Iraluce”, aínda que tamén empregaría outros seudónimos como “Dan Luce” e “Dan Lewis”. Logo comezaría a publicar, xa para sempre, as súas novelas do oeste coa Editorial Bruguera.

No documental, mediante testemuños e material de arquivo abórdase a figura de Estefanía. Entre os participantes destaca Federico Lafuente, fillo de Marcial que segue escribindo as noveliñas do pai, e con profundos lazos con Vigo ao transcorrer aquí a súa infancia e adolescencia. Xunto a el entrevístase a escritores como Fernando Sabater, X.L. Méndez Ferrín, Francisco G. Ledesma, Eduardo Mendicutti ou Domingo Villar; especialistas como Carlos Abraham, Fernando Eguidazu e Pedro Puialto; ou á popular autora de novela rosa Corín Tellado, falecida en 2009, e que concedeu a súa última entrevista para este documental.

Por outra banda, lectores e vendedores, de España e Latinoamérica, axúdannos a comprender a vixencia do fenómeno Estefanía. O documental desprázase, con este obxecto, a Barcelona, Madrid, Montevideo, Managua ou Bos Aires.

Conta tamén con inédito material de arquivo, localizado tras unha exhaustiva labor de investigación. Resaltar o apoio da familia do fundador de Cíes, Barrientos, que proporcionou fotografías e documentos diversos cos que se puido reconstruir a intensa actividade da editorial nos seus 20 anos de existencia.

Finalmente, a modo de noveliña, o documental inclúe o considerado primeiro western galego ou grelos- western, ‘NAIPE DE SANGUE’, estreado no Festival de Cans, en maio de 2010 e protagonizado por Silvia Superstar e Eladio Santos entre outros. Este curtametraxe despertou o interese dos medios de comunicación e colleitou un gran éxito do público e a crítica; resultando seleccionado para competición, entre máis de 700 producións de todo o mundo no Festival Internacional de Cine de Ourense.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s