¡Acaban de comunicarnos que somos unha das bibliotecas seleccionadas nos Premios María Moliner 2017 de animación á lectura! ¡E iso fainos moitísima ilusión porque lle temos gran cariño a este premio do Ministerio de Cultura.
Este concurso de carácter nacional ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas municipais que leven a cabo un proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías. A nosa biblioteca foi galardonada polo conxunto de actividades que desenvolvemos ao longo do 2017 tentando que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.
Cabe mencionar que a biblioteca do Porriño ten sido seleccionada nestes premios 13 veces desde o ano 2002, destacando que fomos os gañadores do 1º Premio Nacional María Moliner de Animación á Lectura 2006, e dunha Mención Especial do mesmo premio no 2008.
Neste ano de 2017 as bibliotecas seleccionadas temos sido 14 no conxunto de Galicia. Dende aquí queremos ofrecer os nosos parabéns aos resto das bibliotecas seleccionadas, e especialmente á biblioteca de Verín, á de Estadilla (Huesca) e á de Galapagar (Madrid), que este ano foron ás gañadoras dos 3 primeiros premios.
¡Grazas a todas as nosas usuarias e usuarios por acompañarnos durante todo o ano! ¡O premio é toda a comunidade porriñesa!