Libro “O Porriño: historia & patrimonio cultural”

paz

Xa está dispoñible na biblioteca, e á venda nas librarías, o libro “O Porriño: historia & patrimonio cultural“, escrito polo historiador porriñés Xosé Ramón Paz Antón. Trátase dunha obra fundamental sobre o noso concello, un compendio da súa historia e do seu patrimonio que resultaba moi necesaria e que o autor levou a cabo de forma extraordinaria.

Paz Antón é un músico, pintor e escritor do noso pobo que xa ten abordado con anterioridade a historia do Porriño, con obras como “O Porriño: 1936” (A Nosa Terra, 2007), na que documentaba a Guerra Civil e a represión franquista na nosa vila, ou “Bandas, músicos e orquestras do Porriño” (A Nosa Terra, 2009), un verdadeiro manual sobre a música e os músicos no Porriño. O autor destaca polas súas obras excepcionalmente ben documentadas, e nesta ocasión volve a presentarnos un traballo avalado, completo e resumido, con fermosas fotografías de Xulio Gil e unha edición coidada na editorial Engaiolarte que contou coa colaboración do Concello do Porriño.

O autor divide a súa obra en dous apartados principais. Por un lado “O Porriño na historia” contempla o devir das nosas terras desde a Prehistoria ata a actualidade, repasando os datos históricos existentes, analizándoos, situando a historia porriñesa no seu contexto e aportando novas informacións froito das súas buscas en distintos arquivos documentais. E por outro lado, “O patrimonio cultural“, presenta dun xeito sintético os principais bens patrimoniais pertencentes á nosa colectividade, incluíndo os recursos naturais, arqueolóxicos, arquitectónicos, industriais, bibliográficos ou inmateriais.

Unha obra moi recomendable para coñecer ao Porriño e para coñecernos, sobre todo polo seu carácter xeral, por ofrecer un panorama global e ben construído, vertebrando todas as publicacións sobre a nosa historia escritas ata o de agora, e por facelo de forma amena e instrutiva, nunha obra tan ben ilustrada e nunha edición tan ben coidada. Sen dúbida, un libro para todos os públicos, imprescindible para ler e informarse sobre a historia e o patrimonio do Porriño.

Na biblioteca temos varios exemplares á vosa disposición, para consulta e préstamo. O libro tamén está dispoñible á venda nas librarías.


One thought on “Libro “O Porriño: historia & patrimonio cultural”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s