¡Reis todo o ano!
Hoxe é día de Reis, e aproveitamos para compartir convosco os datos do programa de alfabetización temperán “Ler ao teu bebé” do ano pasado. Porque os bebés empadroados no Porriño reciben sempre un agasallo da biblioteca: nós celebramos os Reis durante todo o ano porque as raíñas e os reis son as nosas crianzas. E o ano pasado foron 142 os bebés novos socios e socias da biblioteca a través deste programa.
O programa “Ler ao teu bebé” púxose en marcha o ano pasado para que a biblioteca contribuíra ao dinamismo demográfico da nosa localidade, que ten un dos maiores índices de Galicia. Trátase dun programa pensado para que a biblioteca colabore coas familias, axudando a establecer un primeiro vínculo entre a lectura, a biblioteca e os bebés. Para iso, as nais e pais poden facer socio da biblioteca ao seu bebé ao mesmo tempo que o empadroan nas oficinas do Concello. O carné do bebé chégalles a casa por correo, xunto cun paquete de benvida totalmente gratuíto: unha mochila superchula, unha guía de lectura sobre Crianza, unha guía didáctica para estimular á lectura aos bebés dende o seu nacemento, e diversos libros como o Libro-DVD de Gatuxo, Ola bebé!: un conto de xanelas, Son un bebé: un conto para mesturar e combinar, e Cu-cu, onde estou?.
Con esta actuación, a Biblioteca do Concello do Porriño, consciente de que a cultura, a lectura e o idioma son piares fundamentais da nosa sociedade, animan a que todos os novos pais e nais do Porriño inculquen a lectura aos seus fillos e fillas e usen dende o principio os servizos que ofrece a súa biblioteca municipal.