Publicamos a programación de actividades da biblioteca do Porriño para o 2018: obradoiros, actuacións musicais, roteiros, clubs de lectura, cociña, grupos de conversación en idiomas, alfabetización dixital para maiores, fotografía dixital, escritura creativa, formación de usuarios, charlas, documentais, ciencia… ¡De todo!
Tedes a relación de actividades, con datas e horarios, no apartado Actividades desta web. Iremos engadindo máis información de cada unha das actividades nos vindeiros días, así que estade atentos a esta páxina web ou ao noso Facebook. Mencionar que ademais desta programación, haberá outra programación anual de actividades de animación á lectura, que presentaremos proximamente.
Polo de agora, abrimos inscricións para as actividades que se celebran ata o verán. Recordamos que, como sempre, todas son gratuítas. Para participar na maior parte delas é necesario inscrición previa (presencial ou no teléfono 986337624) e teñen preferencia as persoas empadroadas no Porriño (o resto se inscriben en lista de agarda). Tamén debedes ter o carné da rede de bibliotecas de Galicia.
Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2018, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entedelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.
One thought on “Programación de actividades 2018”