A semana que ven comezamos cos obradoiros de fotografía dixital do 2018. E debido ao éxito destes obradoiros os anos pasados, ampliamos a oferta formativa con respecto ao 2017: este ano aumentamos de tres a catro as edicións, e incorporamos un nivel avanzado con outras tres edicións.
¿De que van estes obradoiros? Pois de tentar responder ás necesidades da nosa sociedade, na que a fotografía é cada vez máis importante. A biblioteca tenta responder ás demandas das persoas, por iso pon en marcha este formato de alfabetización en fotografía dixital. Nin sequera será necesario ter unha cámara réflex: a biblioteca proporcionará cámaras réflex e equipos informáticos a todos os participantes.
O nivel básico (Nivel I) servirá para dar a coñecer o funcionamento básico dunha cámara réflex e ensinar técnicas básicas que permitan explotar a creatividade dos participantes. Pola súa parte no nivel avanzado (Nivel II) presentarase unha aplicación informática para realizar revelado dixital.
Abrimos inscricións para os obradoiros que se celebran antes do verán
Estes obradoiros van dirixidos a poboación adulta interesada en iniciarse na fotografía dixital ou mellorar a técnica básica coa que contan. Xa están abertas as inscricións para os grupos que se celebran antes do verán. O número de participantes será de 8 por grupo, sendo necesaria inscrición previa (presencial ou no teléfono 986337624) e ter a condición de socio/a da rede de bibliotecas de Galicia. As persoas empadroadas no Porriño terán preferencia sobre o resto, que se inscribirán na lista de agarda.
Os grupos, niveis e datas de realización serán os seguintes:
- Nivel 1:
- Grupo 1: venres 2, 9 febreiro (17:00-20:00)
- Grupo 2: venres 2, 9 marzo (17:00-20:00)
- Grupo 3: venres 6, 13 abril (17:00-20:00)
- Grupo 4: venres 19, 26 octubre (17:00-20:00)
- Nivel 2:
- Grupo 1: venres 16, 23 febreiro (17:00-20:00)
- Grupo 2: venres 16, 23 marzo (17:00-20:00)
- Grupo 3: venres 9, 16 novembro (17:00-20:00)
Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2018, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entedelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.
*Photo by Stacey Rozells on Unsplash