Xa está na rúa o folleto coas actividades da biblioteca para 2018, o programa de dinamización bibliotecaria “A túa biblioteca é +“. Como xa falamos deste programa neste post, e como tedes a programación completa neste enlace, non queda máis que mencionar que o folleto rende homenaxe aos 25 anos de historia da biblioteca no seu actual emprazamento. Un deseño propio de principios dos noventa que esperamos vos guste.
E como texto conmemorativo desta data, o folleto aparece encabezado por este texto:
Fai vinteoito anos a biblioteca do Porriño abría as súas portas nun recuncho da Praza Central, e fai vintecinco que se trasladaba ao novo edificio do Centro Cultural Municipal ¡25 anos xa! E cantas cousas pasaron dende aquela…
Por aquelas, no 1993, Antonio Gala arrasaba con «La pasión turca» e Whitney Houston cantáballe a Kevin Costner aquelo de I will always love you. Nas noites aínda se vivía a inercia dos oitenta. España secábase a suor das Olimpíadas cunha man mentres con outra lanzaba confeti na Expo93, unha festa que nunca entendemos moi ben de que ía. Igual que o catálogo da biblioteca.
A biblioteca acababa de trasladarse ao reformado Centro Cultural Municipal e todo era novo. Hoxe en día o catálogo éche unha abstracción na nube, unha especie de base de datos distribuída en internet. Pero daquela o catálogo era un moble robusto, cheo de caixóns pesados e longuísimos, repletos de fichas de papel que se facían con máquina de escribir e logo se ordenaban alfabeticamente. Pouca xente sabía buscar un libro naquela cousa. A moitos menos lles interesaba aprender a buscalos alí. Tampouco é que tiveramos moitos libros, e quizais por iso os que tiñamos eran escollidos con cariño.
Anos despois aparecería un ordenador. Nos States un tal Bill Gates acababa de sacar ao mercado un invento que se chamaba Windows 95, pero o noso computer tiña instalado un programa en MS-DOS que funcionaba por comandos e combinacións de teclas – entón os ratos eran ciencia-ficción. Daquela todo parecía máis sinxelo do que en realidade era, e postos a ser modernos algúns usuarios preguntaban estrañados se aínda non tiñamos os xornais metidos no ordenador.
Logo todo foron cambios, claro. O certo é que nos últimos tempos todo son cambios e o único estable parece ser o propio cambio. Os carnés da biblioteca foron reducíndose segundo o tamaño das carteiras: ao principio medían un palmo de ancho, logo pasamos ao programa Meiga e encolleron, e agora estamos na rede de bibliotecas Koha e son tamaño tarxeta de crédito, cun código alfanumérico, superchulos. Aquel moble que antes era o catálogo pasou a ser unha base de datos Access no programa Meiga, e agora éche un programa en software libre Koha: nin sequera o temos instalado no ordenador, agora está na nube, mira ti que cousas, agora todo che furrula por Internet.
Polo camiño moito traballo, varios premios, e 25 anos de servizo bibliotecario no Porriño. Algúns usuarios desapareceron, pero tamén apareceron moitas caras novas, moitas. Os rapaces que antes viñan a coller os libros dos Cinco agora veñen cos fillos, e todos nos fixemos maiores. Pero seguimos a ofrecer novidades. De continuo: será verdade que a xuventude é cousa que se leva por dentro. Cada ano seguimos crecendo e prezámonos de ser unha das bibliotecas máis activas de Galicia, con máis actividades, con maior número de préstamos, con novas ideas para levar a cabo.
Fomos cambiando como foron cambiando os tempos, adaptándonos ás demandas que foron xurdindo desde hai vintecinco anos. ¡Vintecinco xa! E vintecinco anos despois, agradecidos estamos de seguir acompañados por vós, os nosos usuarios e usuarias, os que viñeron e xa non veñen, os que comezaron a vir un día, os que viñeron desde sempre e os que aínda non viñeron pero virán. A vosa biblioteca está orgullosa de seguir aí, traballando para formar, informar e entreter á comunidade porriñesa durante os vintecinco anos pasados e para o futuro. E velaquí os presentamos outro ano cheo de libros e actividades, nun folleto cun deseño que rende homenaxe á época dos nosos inicios.
O máis importante dunha biblioteca son os seus usuarios e usuarias, así que parabéns para todos e todas. Feliz aniversario. ¡Felices 25 anos!