¡Presentamos a relación de actividades de animación á lectura para 2018! Este ano cambiaremos o formato, e propoñemos un gran espectáculo de animación á lectura para cada mes, levado a cabo por distintas compañías de teatro e títeres profesionais de Galicia, con obras relacionadas cos libros, a lectura e os contos. Pensamos que será do voso agrado esta aposta por levar a cabo un circuito de biblioteatro ao longo de todo o ano: así que xa sabedes, o último xoves de cada mes, ás 18:00, hai función na biblioteca para o público infantil.
En todos os casos, a entrada será libre ata completar aforo. Mencionar que os meses de xullo e agosto non haberá función.
Esta será a programación de teatro infantil da biblioteca do Porriño para o 2018:
- Xoves 22 de febreiro: “Laranxus 7” de Avento
Laranxus 7 é un espectáculo de títeres dirixido a público infantil, no que se tratan temas como a ecoloxía, a toerancia, a amizade e a solidaridade. Verde é un extraterrestre que habita o planeta Laranxus 7. Leva unha vida do mais monótona e aburrida, só e sen ninguén con quen xogar. Cando o seu planeta é colonizado por uns malvados e horribles invasores, Verde, o noso protagonista, embárcase nunha fantástica viaxe na procura de axuda. A súa odisea levarao a coñecer distintas razas e lugares do universo que acabaran por cambiarlle a súa visión do mundo e a descubrir o verdadeiro valor da amizade.
- Xoves 22 de marzo: “Pavillón Lino” de Caramuxo
Unha trepidante comedia de variedades pola que desfilarán unha morea de pintorescos personaxes: os auténticos autómatas; os monicreques de cachiporra; Monquina “A gorila bailarina” e como non, Charito de Mera e a súa pulga. Un espectáculo cunha coidada posta en escena para gozar en familia.
- Xoves 26 de abril: “Tio Miseria” de Fantoches Baj
Tío Miseria é un espectáculo de monicreques de luva e variña, onde os personaxes son utensilios de cociña de uso cotián. A historia, creada a partir dos contos populares O Ferreiro e o Demo e O peral da Tía Miseria, conta en clave humorística o porqué da existencia da miseria no mundo.
- Xoves 31 de maio: “Muiñada” de Galeatro
Muiñada conta a historia de Sabela e Xacobe que por un malentendido coa quenda se atopan nun muíño de auga. Ó ver que os dous non poden moer ó mesmo tempo, comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que
os cativos e os que non oson tanto se acheguen a un edificio que foi fundamental para a Galicia: o muíño de auga.
- Xoves 28 de xuño: “O Crebanoces” de María Larraitz Urruzola
O Crebanoces é un espectáculo para títeres inspirado no conto de Hoffmann e dirixido a público familiar. Na noite de Nadal o padriño regálalle á pequena Clara un crebanoces con forma de boneco. De tanto partir noces, o boneco acaba rompendo, e Clara desgústase moito. Para consolala o padriño contaralle a historia do boneco Crebanoces, xa que o Crebanoces en realidade é un valente personaxe que loitou co seu exército de xoguetes contra a raíña dos ratos.
- Xoves 27 de setembro: “Contos nas orellas” de Migallas
Contos de risa, trasnos e carapuchiñas. A tradición oral da man da literatura infantil. Co ritmo das ondas no noso maxín, entraremos no mundo da fantasía e da imaxinación…
- Xoves 25 de outubro: “O Pobre Ton” de Os tres tenedores
Desde o día que naceu Ton foi un rapaz diferente, e os diferentes moitas veces non son ben acollidos. Diversas aventuras e desventuras farán que tome unha decisión que cambiará para sempre a súa vida.
- Xoves 29 de novembro: “Pequena” de Talía Teatro
Hai pequenas que son xigantes, como Barbadac, a ogresa, filla do ogro que gardaba o tesouro das botas de sete leguas ata a chegada de Polegariño. Barbadac escolleu non gardar tesouros, senón compartilos, como Petipuá, a pulga artista, que quixo levar o seu espectáculo a todas as partes do mundo, incluída a Illa dos Salvaxes, e demostrou que non hai límites nin fronteiras para conseguir o que desexas, nin aínda sendo pequena coma unha pulga. E hai pequenas cunha imaxinación grande, como Nadiña, que é quen nos conta as historias de Barbadac e de Petipuá, quen nolas representa con bailes, con cancións, con alegría e cunha forza enorme. Hai grandes pequenas e grandes pequenos, tan grandes que poden cambiar o mundo ao seu xeito.
- Xoves 27 de decembro: “Contaloucos” de Tanxarina Títeres
Un espectáculo tolo, tres tolos titiriteiros presentan unha tolería de representación para escenificar dous contos escollidos da literatura máis universal e contemporánea. Monecos das máis diversas técnicas contan historias que falan de cousas de agora mesmo, con todo o sabor dos contos tradicionais: unha guerra, un trasno, o antimilitarismo, o valor da amizade, tres portas e un concurso, sapos e mariñeiros… e unha chea de sorpresas. Dúas historias relatadas con animacións diversas e traballo de actores, nun divertido e permanente xogo escenográfico cheo de gags imaxinativos e situacións cómicas.
6 thoughts on “Biblioteatro: animación á lectura 2018”