Este ano a Biblioteca do Porriño colabora no proxecto “Recoméndoche un libro” e no certame relacionado “III Concurso O ollo de vidro“, que pretende fomentar o hábito lector, a lectura en galego e a creación audiovisual a través dos bookTrailers e bookTubes.
¿Que son os bookTrailers? Pois pequenas pezas creativas de audiovisual que consisten en resumir en poucos minutos o contido dun libro: como o típico tráiler dunha peli, pero arredor dun libro. ¿E que son os bookTubes? Pois son os vídeos que colgan en Youtube lectores entusiastas (booktubers) onde aparecen recomendando ou opinando sobre libros. Ambos, booktrailers e booktubes, son dous fenómenos en auxe que están arrasando na rede, principalmente entre a mocidade lectora.
En relación con estas actividades, distintas entidades de Vigo (Escola Oficial de Idiomas, Biblioteca Neira Vilas, IES Castelao) viñan promovendo a canle en Youtube “Recoméndoche un libro”, que buscaba divulgar este tipo de creacións, e o concurso “O ollo de vidro”, que premiaba aos mellores audiovisuais participantes. Iniciativa á que este ano se suma o Festival de Curtas de Cans, e como colaboradores, a Biblioteca do Porriño e o IES Pino Manso do Porriño.
Así que xa sabedes, aquelas persoas que estean interesadas en crear e divulgar vídeos recomendando lecturas ou outros traballos audiovisuais ao redor da animación á lectura poden publicar as súas creacións a través da canle Recoméndoche un libro, e así participar no concurso “O ollo de vidro” deste ano 2018.
Trátase dun concurso aberto, no que tedes que participar con vídeos orixinais en galego cun máximo de 3 minutos. Dentro do concurso “O ollo de vidro” podedes optar a tres premios distintos:
- A. Premio do xurado.
Un xurado constituído a tal fin entre as entidades organizadoras e colaboradoras escollerá un vídeo, o que considere o mellor, de entre os participantes. O premio será de 400€, escultura conmemorativa e un lote de libros. - B. Premio do público.
Resultará gañador o vídeo que obteña máis “gústame” en Youtube dende o día da súa publicación ata o día e hora en que se pecha o prazo: 3 de maio de 2018 ás 23:59h de Galicia. O premio serán 250€ e un lote de libros. - C. Premio Festival de Cans.
O xurado constituído a tal fin escollerá un vídeo, o que considere o mellor. O premio será un Hotel para dúas persoas (noite de venres 25 e sábado 26 de maio), dúas entradas para acceder ás curtametraxes a concurso do Festival de Cans, placa conmemorativa e un lote de libros.
Os gañadores nas tres modalidades de participación faranse públicos no propio Festival de Cans o 23 de maio de 2018. Se queredes participar, podedes facelo enviando os vosos vídeos dende xa ata o 23 de abril. Podedes completar información e consultar o resto das bases da convocatoria e do concurso na web Recoméndoche un libro.
Mencionar que este proxecto está patrocinado pola Asociación de Veciños do Calvario (Vigo), o Mercado do Calvario (Vigo), a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia.
Obradoiro de formación para booktubers
Mencionar tamén que, para fomentar esta práctica audiovisual e de animación á lectura, e a propia participación no concurso, a Biblioteca do Porriño organizará un “Obradoiro de formación para booktubers“, para o alumnado do IES Pino Manso. Celebrarase o xoves 15 de febreiro de 10:30 a 12:30, e servirá para explicar de xeito teórico todo o proceso creativo e audiovisual para facer os comentarios e as recomendacións de libros máis dinámicas para compartir no YouTube.
Bo día, Parabéns pola iniciativa.
Na nova, cando falades das entidades que patrocinan o proxecto, mencionades a Dirección Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, pero non existe; é a Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.edu.xunta.gal/portal/node/325
Un saúdo.
Eva García
O 15:43 do 7 de febreiro de 2018, Biblioteca do Porriño escribiu:
> bibliotecadoporrino posted: ” Este ano a Biblioteca do Porriño colabora no > proxecto “Recoméndoche un libro” e no certame relacionado “III Concurso O > ollo de vidro”, que pretende fomentar o hábito lector, a lectura en galego > e a creación audiovisual a través dos bookTrailers e bookTub” >
GústameGústame
Corrixido! Grazas pola achega, Eva. Un saúdo!
GústameGústame