Xa comezamos co segundo grupo de conversación en inglés deste 2018, en formato nivel medio, pero aínda temos prazas dispoñibles. A primeira convocatoria foi o pasado martes 3 de abril, pero o grupo vaise reunir todos os martes de abril e maio entre as 19:00 e as 20:00 horas na biblioteca do Porriño.
Trátase dunha actividade que pretende o perfeccionamento do inglés a nivel oral para os participantes, a través dun grupo de conversación guiado e reducido. Non son clases de idioma, senón un espazo no que mellorar os coñecementos e perder o medo a falar, nun ambiente distendido. Os participantes conversan entre eles, coa guía e asesoramento dun titor que os corrixe e guía ao longo dunha hora.
Unha maneira divertida de aprender e mellorar o nivel de inglés.
Recordar que temos dous niveis de aprendizaxe: un grupo de nivel básico e outro grupo de nivel medio. Como temos dito, as sesións celébranse na biblioteca os martes entre as 18:00 e 19:00 horas para o nivel básico, e entre as 19:00 e 20:00 para o nivel intermedio. No caso de existir prazas dispoñibles, unha mesma persoa pode inscribirse nos dous niveis, e, xa que logo, asistir aos dous niveis seguidos dende as 18:00 ata as 20:00.
Os grupos son reducidos, de entre 6 e 10 persoas como máximo, coa posibilidade de inscribirse en lista de agarda unha vez que se complete o cupo. Trátase dunha actividade gratuíta, pero é necesario ter a condición de persoa socia da rede de bibliotecas de Galicia, e teñen preferencia as persoas empadroadas no Porriño. Para formalizar as inscricións podes vir ás nosas instalacións ou ben chamar por teléfono (986337624).
Esta actividade está enmarcada no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2018, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entedelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.