Este ano celebramos o Día do Libro cunha nova xornada de “O noso patrimonio“, na que coñeceremos un pouco máis e visitaremos os populares barrios porriñeses de San Benito e San Sebastián. Dous barrios históricos da nosa vila que aínda conservan un ambiente de veciñanza, dous barrios que foron o xerme do Porriño como núcleo urbano.
Para iso contaremos coa colaboración da historiadora porriñesa, e veciña do barrio, Rebeca Leboso. Ela será a encargada de dar a coñecer esta histórica zona a partir de bibliografía seleccionada da nosa Sección Local. A xornada, que se desenvolverá o próximo luns 23 de abril entre as 17:00 e as 20:00, comezará cunha charla introdutoria no auditorio da biblioteca. Alí coñeceremos un pouco máis o nacemento e evolución destes barrios, xunto cos seus elementos patrimoniais de interese.
A charla e a visita estarán guiadas pola historiadora porriñesa Rebeca Leboso
Despois da charla, a propia Rebeca será a encargada de acompañarnos ata a zona, cunha visita guiada na que coñeceremos sobre o terreo o barrio e visitaremos os seus elementos de interese como o cemiterio da Carrola, o templete de Palacios ou as capelas de San Benito e San Sebastián.
Trátase dunha xornada gratuíta e aberta a todos os públicos, pero é necesario inscrición previa na biblioteca ou no teléfono 986337624.