Este xoves 26 de abril levaremos a cabo a terceira sesión do noso ciclo de teatro infantil. Nesta ocasión tócalle o turno a “Tio miseria” de Fantoches Baj.
Tío Miseria é un espectáculo de monicreques de luva e variña, onde os personaxes son utensilios de cociña de uso cotián. A historia, creada a partir dos contos populares O Ferreiro e o Demo e O peral da Tía Miseria, conta en clave humorística o porqué da existencia da miseria no mundo.
Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio, no ano 2006. Desde ese momento o seu campo de interese céntrase no teatro de títeres entendido dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos monicreques de luva e vara do primeiro espectáculo, como en Tío Miseria (2007), ten evolucionado a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos.
A obra ten unha duración duns 50 minutos. É unha función para todos os públicos pero a idade recomendada é a partir de 3 anos. A representación será no auditorio da biblioteca ás 18:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.