Guau! Encántanos a iniciativa destes dispensadores de relatos: Short Story Dispenser. Trátase dunha idea que naceu en Grenoble (Francia) e foi estendéndose por todo o país veciño para usarse en lugares públicos coa idea de promocionar a lectura: que a xente lea neses momentos de espera no aeroporto, no médico, no centro social, no concello ou mesmo nas bibliotecas. Abandonemos un pouco o recorrido móbil e aproveitemos para ler un relato curto ou un poema.
O aparello, creado pola empresa Shorté Edition que xa ten instalado centos de unidades, é similar a un dispensador de bebida ou comida, pero emite relatos. Un cilindro negro, con tres botóns superiores para escoller a duración do texto: 1, 3 ou 5 minutos. Escolles a duración e a máquina emite un texto en papel, como se fora un ticket moi longo.
Trátase dun servizo totalmente gratuíto e non hai límite no número de historias que se poden ler. Cada un dos aparellos contén máis de 13 millóns de pequenas pezas literarias creadas por 6.800 autores de todo o mundo e todas as épocas, desde Shakespeare a Virginia Woolf ou autores da máis rabiosa actualidade. Ou sexa, dificilmente poderás repetir texto.
O tema é superar o libro como artefacto e buscar outras experiencias para impulsar os hábitos de lectura na xente. Instalar a lectura nos espazos e nos momentos cotiás. Ademáis, encántanos que as impresións sexan en papel ecolóxico para minimizar o impacto no medio ambiente.