Xa sabemos os vídeos gañadores do concurso “Un ollo de vidro“, relacionado co proxecto Recoméndoche un vidro. Un concurso organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Vigo, a Biblioteca Neira Vilas, o IES Castelao e o Festival de Curtas de Cans, e no que este ano colabora a Biblioteca do Porriño xunto co IES Pino Manso.
Como sabedes, “Un ollo de vidro” é un certame que pretende fomentar o hábito lector, a lectura en galego e a creación audiovisual a través dos bookTrailers e bookTubes. Para elo, as persoas participantes crean e divulgan vídeos recomendando lecturas ou outros traballos audiovisuais ao redor da animación á lectura.
Despois de terse reunido o xurado do concurso, xa podemos facer público o ditame das obras premiadas no III Concurso de booktrailers e booktubers “O ollo de Vidro”.
PREMIO DO XURADO:
O principiño, de Laura Lorenzo, Ainoha Martínez, Monique Otero, Lourdes Manteiga e Carlos Lago (do IES Pino Manso). Foi considerado o mellor polas entidades organizadoras e colaboradoras. Reciben unha dotación económica de 400€, unha escultura conmemorativa e un lote de libros da Editorial Galaxia.
PREMIO DO PÚBLICO:
Cando petan na porta pola noite, do Centro Ocupacional do CAD da Pobra do Caramiñal. Obtivo a maior cantidade de “Gústame”. Reciben unha dotación económica de 250€ e un lote de libros da Editorial Galaxia.
PREMIO FESTIVAL DE CANS:
Unha mosca agradecida, de Luz Beloso. Considerado o mellor polo xurado do Festival de Cans. Recibe dúas noites de hotel para dúas persoas (venres e sábado), dúas entradas para acceder ás curtametraxes a concurso do Festival de Cans, placa conmemorativa e un lote de libros da editorial Galaxia.
Cabe mencionar que o xurado tamén decidiu facer dúas mencións especiais para os seguintes vídeos:
- Regueifando contos: Marilar Aleixandre, do CEIP Carlos Casares.
- Un can e un gato, do CEIP Solanas.