Inscricións abertas para un novo “Obradoiro de escritura creativa”. Trátase dun obradoiro intensivo de iniciación á escritura centrado no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir, co que intentamos darlle un impulso a esas escritoras e escritores que levades dentro.
O obradoiro será impartido pola recoñecida escritora Clara do Roxo, escritora galardoada, directora do obradoiro literario de escritura creativa Aliteraclara, profesora de escritura creativa en El Portal del escritor e en diferentes obradoiros de arte e literatura.
As datas de realización serán os mércores e xoves do 6, 7, 13 e 14 de xuño, entre as 18:15 e as 20:15 horas. As prazas son reducidas (máximo 15 persoas) así que non esperedes demasiado xa que é necesaria a inscrición previa na biblioteca ou chamando ao teléfono 986337624, así como ter a condición de persoa socia da rede de bibliotecas de Galicia. Trátase dunha actividade gratuíta e as prazas cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. As persoas que non sexan do Porriño entrarán nunha lista de agarda.
Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2018, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entedelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.