Nas últimas semanas estivemos traballando para incorporar ao catálogo novas pelis. Arredor de douscentos títulos novos para que aproveitedes estas vacacións, tirados no sofá, en modo relax.
Entre as recentes adquisicións hai cine de actualidade, pero tamén grandes clásicos. Sabedes que na nosa colección de cine primamos a calidade das obras, e pouco a pouco imos enchendo baleiros para conformar unha das mellores coleccións de cine de Pontevedra, con máis de dúas mil películas que abranguen toda a historia do cine e das distintas cinematografías.
Tampouco nos esquecemos dos pequechos, e saldamos contas pendentes co noso público infantil incorporando cousas como a colección completa dos clásicos Disney, pero tamén a colección de Yo-Kai Watch e outros moitos títulos.
Lembrade que a través deste enlace podedes consultar directamente no noso catálogo as novas incorporacións en formato DVD.