Xa está na rúa a programación das Festas do Cristo 2018, as festas patronais do Porriño. E entre toda a extensa serie de actos e actividades, pola parte que nos toca queremos destacar un par de eventos.
Ademais doutros concertos, teatros e actividades para público infantil, queremos mencionar concretamente dous concertos nesa fantástica corrente de Música&Conto que tanto éxito está a ter en Galicia, e da que están a emerxer moitísimas agrupacións e moitísimos libros-CD para público infantil. Encántanos que a rapazada tamén poida achegarse aos libros e aos textos da man da música en galego. E xa sabedes que na biblioteca temos practicamente todo o que sae ao mercado deste tipo de obras.
O venres 14 de setembro, ás 19:00 actuará Mamá Cabra na Carpa do Roxy, presentando “Eu cociño, tí cociñas?”, un espectáculo onde a cociña e a alimentación saudable son as protagonistas e que, por suposto, está presente na nosa biblioteca. Trátase dun album-cd editado por Sonárbore e un espectáculo músico-teatral con Gloria Mosquera, Tomi López, Pachi Cruz, Max Gómez e Luchi Iglesias, onde se recollen todas as cancións que acompañan o día a día destas nenas, nenos, mestras e familias! ¡Temos todos o libros de Mamá Cabra na biblioteca!
Por outra parte, o venres 28 de setembro, ás 18:00 horas, actuará Magín Blanco (e a Banda das Apertas), tamén na carpa do Roxy. “A Banda das Apertas” está composta por Magín Blanco, María Faltri, Jorge Juncal e Jerry Noia, e tiveron un longo percorrido acompañando a “A nena e o grilo” nas súas propostas escénicas. Nesta nova produción as músicas do creador Magín Blanco conviven con outras coñecidas cancións da historia da música contemporáneas. ¡De Magín Blanco tamén temos unha chea de libros-CD na biblioteca!
Así que, si queredes ensaiar para logo corear os temas destes dous grupos que producen libros-CD, pasádeos pola biblioteca antes de cada un destes concertos.