Este venres 26 de outubro, temos unha actividade moi especial na biblioteca. Proxectaremos o documental “Santa Liberdade” e posteriormente teremos un coloquio coa súa directora, a directora galega Margarita Ledo Andión. O acto comezará ás 19:00 horas no noso auditorio, con entrada libre ata completar aforo.
Ledo Andión é cineasta, poeta e escritora, exiliada en Portugal nos anos finais dunha ditadura franquista que a perseguía pola súa militancia en Unión do Pobo Galego, Margarita Ledo é hoxe membro da Real Academia Galega e catedrática de Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela. Autora de varias obra de poesía, narrativa e estudos sobre fotografía e sobre cinema, a súa filmografía supón unha singular aposta dentro do noso cinema polo modelado continuo duns mesmos temas, que van asentándose en busca dunha cada vez maior complexidade formal.
En 2004 dirixiu este o seu primeiro longametraxe documental, Santa Liberdade ao que seguiron: Hai que botalos (2005), Liste, pronunciado Líster (2007) e A cicatriz branca (2012).
O documental Santa Libertade
O documental narra o secuestro por parte do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación do buque Santa María en 1961, que rebautizaron como Santa Libertade.
En 1961, o 22 de xaneiro un grupo de antifascistas galegos e portugueses autoorganizados no Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación ( DRIL), tomaron por asalto o transatlántico de bandeira portuguesa “Santa María”, que con centos de pasaxeiros dirixíase ao porto de Vigo. Baixo as ordes de Humberto Delgado, Enrique Galvao, Xose Veo e Jorge Fernández de Soutomaior, portugueses os dous primeiros, galegos os seguinte, exiliados todos, das ditaduras franquista e salazarista en Venezuela e Brasil.
As 24 persoas que compoñían o grupo protagonizaron o primeiro secuestro político da Historia e o seu obxectivo era chamar a atención de todo o mundo sobre a situación política que atravesaban os estados español e portugués, mediante unha acción propagandística de gran dimensión. O DRIL conseguiu facer deste asalto un acontecemento mediático.
Durante 13 días os telexornais e xornais de boa parte do mundo abriron as súas edicións coa noticia do secuestro. O barco conseguiu manterse durante tres días completos sen localizar, mentres que o goberno norteamericano, baixo a presidencia de Kennedy, asumiu a coordinación dunha ampla operación de procura e captura, o que serviu tamén como manobra de contención das peticións de afundir o barco feita polas ditaduras ibéricas, que cualificaban o suceso como mero acto de piratería. Despois dunha complexa trama de negociacións con representantes brasileiros e estadounidenses, que culminou cun encontro a bordo, o secuestro finalizou coa entrada en Recife, ao concederlles, o Presidente de Brasil, Janio Quadros, o dereito de asilo. Durante o tempo que durou o secuestro o nome do transatlántico foi cambiado a “Santa Liberdade”
Esta “aventura heroica” como a chamou Luís Seoane foi un dos acontecementos máis importantes de denuncia e de loita contra ambas as ditaduras, aínda que o silencio en torno seu convértao case en materia de soños, en pura utopía. En España a prensa franquista informou sobre o tema referíndoo como realizado por un grupo de bandidos e piratas sen escrúpulos e da peor calaña imaxinable. Presentárono ademais como efectuado unicamente pola oposición portuguesa, e a intervención de galegos antifranquistas foi totalmente ocultada polos medios de comunicación.
Así se presenta o argumento deste documental co que debutou a escritora, catedrática de
comunicación audiovisual e primeira decana da Facultade de Ciencias da Información da
Universidade de Santiago, Margarita Ledo.