O mes de novembro quedou establecido como o mes da ciencia nas bibliotecas galegas. Para conmemorar esta efeméride, e para participar nos actos de promoción científica que diversas institucións levarán a cabo neste mes, a Biblioteca do Porriño tamén participa desde o seu ámbito de actuación.
Para iso levaremos a cabo un “Obradoiro infantil de ciencia”, que se celebrará o próximo luns 26 de novembro, entre as 18:00 e as 20:00 horas na biblioteca. Este obradoiro está dirixido a nenos e nenas de 8 a 13 anos e ten carácter gratuíto. É necesario inscrición previa (presencial ou no teléfono 986337624) e ter a condición de soci@ dalgunha biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Este ano o tema será “O mar de plástico”, un problema de enorme actualidade. O plástico está en todas partes: nas bolsas, nas bebidas ou medicamentos, en compoñentes de todo tipo de dispositivos, en moitos obxectos, etc. Pero outras veces a presenza de plásticos non é tan evidente: hai microplásticos nos produtos téxtiles, cosméticos e pinturas, por exemplo. E a pesar dos seus indudables beneficios como produto, o plástico a día de hoxe tamén ten o enorme problema de que non se degrada, senón que permanece na natureza durante centos, miles de anos incluso.
Os participantes aprenderán teoría e práctica medioambiental a través da aplicación das 3R
Neste obradoiro, as rapazas e rapaces aprenderán a empregar as 3R, coas que se pode axudar a mellorar o noso entorno:
- 1R: Reducir
Mostraremos a problemática que sofre o medio ambiente coa contaminación, en concreto cos residuos plásticos no océano. Simularemos a formación dunha illa de plástico no mar e identificaremos microplasticos na área das praias coa axuda das lupas e do microscopio.
- 2R: Reciclar
Comprobaremos canto saben sobre os nosos residuos mais cotiáns e aprenderán a separalos no seu contedor correspondente.
- 3R: Reutilizar
Crearemos a nosa bolsa reutilizable personalizada para diminuír o uso de plástico, que decoraremos con materiais de refugallo.