Nova actuación dentro do programa de animación á lectura de Biblioteatro. O próximo xoves 29 de novembro, ás 18:00 horas, no auditorio da biblioteca actuará a compañía Talía Teatro, coa función “Pequena”. Un espectáculo para descubrir o grande que pode ser alguén pequeno e o pequenas que poden chegar a ser as grandes cousas, que casi non ocupan espazo.
Hai pequenas que son xigantes, como Barbadac, a ogresa, filla do ogro que gardaba o tesouro das botas de sete leguas ata a chegada de Polegariño. Barbadac escolleu non gardar tesouros, senón compartilos, como Petipuá, a pulga artista, que quixo levar o seu espectáculo a todas as partes do mundo, incluída a Illa dos Salvaxes, e demostrou que non hai límites nin fronteiras para conseguir o que desexas, nin aínda sendo pequena coma unha pulga. E hai pequenas cunha imaxinación grande, como Nadiña, que é quen nos conta as historias de Barbadac e de Petipuá, quen nolas representa con bailes, con cancións, con alegría e cunha forza enorme. Hai grandes pequenas e grandes pequenos, tan grandes que poden cambiar o mundo ao seu xeito.
Como sempre, a entrada é libre ata completar aforo. A obra está recomendada para nenas e nenos entre 4 e 10 anos de idade.