Ao longo do 2019 a Biblioteca do Porriño desenvolverá un amplo programa de actividades relacionadas coa “aprendizaxe permanente”. Trátase de accións formativas non académicas que teñen como obxectivo o desenvolvemento do cidadán no plano laboral, social e persoal para afrontar as necesidades dun presente sempre cambiante.
Unha destas actividades que poremos en marcha a partir do mes que ven é un Curso básico de lingua de signos, a lingua propia da comunidade xorda. A súa aprendizaxe facilita a comunicación con persoas que pertencen a este colectivo, favorece a atención a persoas con diversidade funcional, amplía as nosas posibilidades persoais e laborais , e favorece a participación e inclusión social de todos e todas.
O curso vai dirixido a profesionais do ámbito educativo, estudantes, monitores de ocio e tempo libre, logopedas, psicólogos, profesionais da administración e todas aquelas persoas que queiran aprender un segundo idioma para ampliar as súas posibilidades a nivel persoal, social e laboral.
Trátase de cursos para un grupo reducido de 15 persoas, coa finalidade de que os participantes lle saquen todo o partido posible. O curso terá unha duración de 20 horas repartidas en 8 sesións e celebrarase os xoves e venres, de 18:00 a 20:30 nas seguintes datas: 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 febreiro e 1 marzo.
Todas as nosas actividades son gratuítas, pero requiren inscrición previa (de forma presencial na biblioteca, ou a través do teléfono 986337624) e a condición de socio/a da rede de bibliotecas de Galicia.
Boa tarde,
Interésame o curso de linguaxe de signos. Que nivel podo acreditar con él?
GústameGústame
Ola Nerea,
Trátase dun curso básico, de iniciación. Non se certifica nivel, soamente a asistencia.
GústameGústame