Este ano a Biblioteca do Porriño volve a colaborar no concurso “O ollo de vidro”, proxecto impulsado polo Festival de Cans que xa vai pola súa IV edición. Trátase dun certame que pretende fomentar o hábito lector, o uso do galego nas redes sociais e a creación audiovisual a través dos bookTrailers e bookTubes.
¿Que son os bookTrailers? Pois pequenas pezas creativas de audiovisual que consisten en resumir en poucos minutos o contido dun libro: como o típico tráiler dunha peli, pero arredor dun libro. ¿E que son os bookTubes? Pois son os vídeos que colgan en Youtube lectores entusiastas (booktubers) onde aparecen recomendando ou opinando sobre libros. Ambos, booktrailers e booktubes, son dous fenómenos en auxe que están arrasando na rede, principalmente entre a mocidade lectora.
O certame organízase arredor da canle de Youtube Recomendocheunlibro, un espazo onde o público xeral, así como entidades ou colectivos, divulgan vídeos recomendando lecturas ou outros traballos audiovisuais arredor da animación á lectura (booktrailers, críticas, lecturas en voz alta, etc.).
Asociado con esta iniciativa, organízase anualmente o concurso “O Ollo de Vidro”, no que se premian os traballos audiovisuais máis valorados entre os participantes nese proxecto. Trátase dun concurso organizado polos compañeiros da Biblioteca Neira Vilas de Vigo, a Escola Oficial de Idiomas e o IES Castelao de Vigo, o IES Pino Manso do Porriño e o Festival de Cans, e nós mesmos como colaboradores.
Para participar debedes consultar as bases e cumprimentar o “Documento de aceptación das bases”, crear un traballo audiovisual en galego cunha duración inferior a 3 minutos e envialo antes do 23 de abril. Hay tres modalidades e premios:
- Premio do Xurado: 400€, placa conmemorativa e lote de libros
- Premio do Público: 250€, placa e lote de libros
- Premio Festival de Cans: hotel e entradas para o Festival de Cans, placa e lote de libros
O ditame do concurso farase público o 22 de maio de 2019 durante o Festival de Cans.
Animádevos a participar nesta singular iniciativa arredor dos libros, as redes sociais e o Festival de Curtas de Cans como telón de fondo. Sen dúbida é unha oportunidade excelente de amosar a vosa creatividade.