O 27 de maio se celebra o “Día Nacional do Celíaco”. A biblioteca do Porriño quere contribuír á sensibilización cara esta enfermidade, polo que organizamos, por terceiro ano consecutivo, unha actividade destinada a aportar formación, información e ferramentas prácticas para as persoas celíacas, pero tamén para toda a xente interesada.
Para iso, en colaboración con ACEGA (Asociación de Celíacos de Galicia), organizamos un obradoiro de cociña sen glute. Trátase dunha actividade didáctica á vez que informativa e de sensibilización. Nela, os participantes aprenderán a elaborar pratos elaborados con alimentos sen glute.
A data escollida é o próximo venres 31 de maio entre as 17:00 e as 20:30 horas. A actividade está pensada para toda a xente interesada na cociña sen glute, e se celebrará nas instalacións de cociña do Centro Multiusos de Torneiros.
É necesaria inscrición previa, presencial na biblioteca ou telefonicamente (986337624). As prazas están limitadas, e terán preferencia as persoas empadroadas no Porriño.