A fin de semana pasada a parroquia porriñesa de Santiago de Pontellas estivo en festas, celebrando o seu tradicional San Paio. Todos coñecemos esta histórica parroquia do noso concello, pero, parámonos a pensar de onde ven o seu nome?
Neste caso non hai sorpresa ningunha, pois si, o nome de “Pontellas” procede da grande cantidade de pontes e pontellas que existen nunha parroquia cunha gran riqueza hidrográfica: as propias gándaras, o río Louro, os regatos de Folón ou Centeáns.
Especificamente, unha pontella (ou pasarela, ponticela, pontello ou pontigo) é unha construción tradicional máis pequena e sinxela que unha ponte, que serve para atravesar regueiros ou ríos pequenos. Ás veces, como sucede nalgunhas da parroquia porriñesa, soamente se precisa o seu uso cando o camiño está asolagado polas choivas ou as cheas do río.
As pontellas supoñen unha evolución dos pasadoiros, pero permiten o paso das persoas, o gando e incluso ás veces de carros. Normalmente consisten soamente nuns muros de pedra verticais sobre os que pousan varias lousas de pedra. Son elementos sempre alintelados, non se empregan nunca arcos nin varandas. Mencionar que debido a que se trata dunha solución sinxela a un problema normal, podémonos atopar pontellas en todas as partes do mundo, coas súas variantes locais, aínda que en Europa son especialmente tradicionais en Galicia e Norte de Portugal.
¿Queres coñecer algunha das pontellas desta parroquia? Pois soamente tes que seguir o Camiño de Santiago por Pontellas e atoparás varias delas.
